A Xunta aproba o plan de emerxencia de Reganosa, a pesar das críticas

Establece o sistema de resposta diante de calquera situación de risco.
Xornal.com - clásica Actualizado 19/07/2007 - 17:15 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- A pesar das críticas, o Consello da Xunta aprobou esta mañá o decreto polo que se aproba o Plan de Emerxencia Exterior da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición de gas natural licuado da empresa Regasificadora do Noroeste S.A. no concello de Mugardos, na Coruña. Este plan establece o sistema de resposta ás posibles situacións de risco que a empresa ten identificadas mediante as oportunas análises e a aplicación de métodos de cálculo recoñecidos.

Así, este sistema de resposta establece a constitución dunha serie de grupos de acción -Intervención, Control e Seguimento, Loxístico e Sanitario- formados por persoal dependente das distintas administracións. Estes, baixo o mando da Dirección Xeral de Protección Civil e coordinados a través dun Centro de Coordinación Operativa (CECOP), un Posto de Mando Avanzado e un Centro de Coordinación Municipal, realizan as tarefas necesarias para dar conta das consecuencias que, para o exterior das instalacións, poderían ter estes accidentes.

Así mesmo, o plan recolle a estratexia definida para a súa implantación -incluíndo a información á poboación afectada-, os sistemas de comprobación da efectividade do plan e os medios e recursos asignados ao plan. Tamén consta, ademais deste sistema de resposta, de tres anexos dedicados respectivamente ao mecanismo operativo da súa activación, á organización das comunicacións durante a emerxencia e a descrición dos accidentes cuxo alcance supere os límites das instalacións.


Medidas de control ante posibles emerxencias

Este plan de emerxencia exterior realizouse en aplicación dos reais decretos 1254/1999, 119/2005 e 948/2005, que establecen as medidas de control dos riscos inherentes ao accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas. Fíxose con información aportada pola propia empresa, que é revisada pola Consellería de Innovación e Industria a través das súas delegacións provinciais e que debe axustarse ao disposto no Real decreto 1196/2003, polo que se aproba a directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

O documento refírese a un perímetro de 400 metros, que son a distancia máxima que, de acordo coa directiva SEVESO de risco químico, podería verse afectada por algún risco derivado da actividade da empresa.

Homologado pola Comisión Nacional

O Plan, unha vez redactado pola Dirección Xeral de Protección Civil foi presentado á Comisión Galega de Protección Civil que, na súa xuntanza o pasado 2 de xullo, informouno favorablemente e acordou a súa remisión á Comisión Nacional de Protección Civil, que o homologou o pasado día 10.

No decreto aprobado hoxe polo Consello autorízase ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no plan como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade dunha nova homologación dos plans.

O plan estará dispoñible ao público na páxina web da Dirección Xeral de Protección Civil a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad