XORNAL I Ferrol.- Reganosa ten novos problemas. O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol xa iniciou unha campaña de sinaturas para esixir publicamente que non se autorice a entrada en funcionamento da planta de Reganosa. O colectivo agarda xuntar este mesmo mes 15.000 apoios.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,
Méndez Romeu, anuncióu que o Plan de emerxencia exterior de Reganosa en Mugardos podrá estar aprobado antes de que finalice este mes.
A aprobación do plan de emerxencia exterior constitúe o requisito previo para que a factoría de Reganosa poida entrar en operatividade comercial, segundo a
Xunta.
Opositores á planta de Reganosa
Os opositores á planta deron a coñecer nomes de persoeiros públicos que xa asinaron o manifesto:
Manuel Rivas (escritor); Teresa Navaza (xornalista);
Suso de Toro (escritor); Lino Braxe (poeta e actor);
Xosé Manuel Beiras (catedrático); Luis González Tosar (escritor); Xesús Alonso Montero (catedrático); Laura Pérez Landeira (empresaria); Xan Duro (coordenador de Verdegaia);
Adela Figueroa (presidenta de Adega); Miguel de Lira (actor); Antonio Carnero Pose (investigador); Manuel Lago Peñas (economista); Enrique Banet López (realizador); Mabel Rivera (actriz); Elina Luaces Ferreiro (actriz); José Naya Díaz (catedrático); Pedro Pomo García (escritor); Modesto Fraga Moure (escritor); Francisco M. López Martínez (escritor), e Xavier Castro Martínez (deseñador).
Texto do manifesto contra esta planta de gas
O manifesto en relación coa planta de gas que Reganosa constrúe dentro da Ría de Ferrol é o seguinte:
"Os que abaixo asinan, manifestan o seu total desacordo coa ubicación dunha planta de gas natural licuado dentro da pequena e angosta Ría de Ferrol, que Reganosa está construíndo sen ter acreditado que cumpre coa lexislación vixente, nas proximidades de núcleos de poboación que suman mais de 100.000 habitantes, cuxa vida ameazaría en caso de entrar en funcionamento, co risco permanente dun accidente grave na planta ou nos grandes buques gaseros cargados de GNL, cuxa ruta de navegación pasaría a escasa distancia da poboación e do arsenal naval militar.
Tamén, no caso de entrar en funcionamento, Reganosa ameazaría a destrución da riqueza natural da Ría, que é o medio de vida de preto dun milleiro de mariscadores, así mesmo sería un grave obstáculo para a declaración de patrimonio da humanidade proposta para os Castelos e Arsenais, ademais de que provocaría perdas no patrimonio histórico e na potencialidade turística.
Denunciamos que é imposible que Reganosa poida cumprimentar os condicionados impostos na súa autorización de construción, sobre distancias de seguridade respecto de as poboacións próximas e para a saída de urxencia dos buques gaseros, polo que non estarían salvagardadas as persoas e os seus bens. Denunciamos o anuncio da súa entrada en funcionamento saltándose ditos condicionados. Así o facemos constar cando aínda estamos a tempo de evitar unha traxedia.
Pola ameaza que implicaría Reganosa para a vida humana nas poboacións próximas e por ser totalmente contraria ao desenvolvemento sostenible da Ría de Ferrol, non debe ser autorizada a súa entrada en funcionamento, trámite que ten a obrigación de solicitar.
Desde o ano 1994 en Cabo Prioriño existe unha ubicación idónea para unha Planta de Gas en Galicia, no mesmo espazo onde se está construíndo o Porto Exterior, con suficiente illamento da poboación e onde se poden cumprimentar todos os requisitos aplicables, a tempo suficiente para que Galicia poida dispoñer dunha plataforma gasista".
A versión da empresa Reganosa
A dirección de Reganosa, vencellada a Tojeiro, sostén que esta controvertida empresa aporta a Galicia "garantía de subministro dun combustible limpo e a mellor prezo".
"A comunidade -engade- tamén gaña posibilidades de desenvolvemento, porque a dispoñibilidade de enerxía actuará como un imán para atraer novas industrias no contexto dun mercado liberalizado".