XORNAL I Santiago.- O portavoz nacional do
BNG e vicepresidente da
Xunta de Galiza,
Anxo Quintana, celebrou hoxe a existencia "dunha maioría social en Galiza que quere que o noso país teña un Estatuto de Nación".
Quintana fixo estas declaracións durante a súa intervención na praza da Quintana con motivo do Día da Patria Galega ante máis de 25.000 persoas, nunha das manifestacións máis numerosas dos últimos anos.
O líder nacionalista celebrou que Galiza "é hoxe máis nación, aínda sen estatuto, porque somos máis os que queremos que teña o Estatuto de Nación que merece e precisa".
Neste sentido, mostrouse convencido de que "hai moita xente no PP farta de ver como a dereita española condena a Galiza a ser sempre de segunda, a renunciar aos seus soños e a ver fracasar as súas oportunidades".
A todo ese colectivo, Quintana pedilles "en nome do sentimento por este país que nos une, que camiñen xunto a nós, que traballen con nós para que Galiza teña un Estatuto de todos que coloque o noso país no lugar que se merece".
Por outra parte, o portavoz nacional do
BNG incidiu na importancia de que Galiza teña unha representación en Madrid "crítica e decisiva, un representación tal que quen queira gobernar o Estado necesite imperiosamente tela ao seu carón".
Por iso, salientou que as próximas eleccións xerais "son a oportunidade para que o nacionalismo galego pese e decida na política estatal, e iso, amigas e amigos, conséguese con traballo, compromiso e votos".