José Antonio Orza califica "de escándalo" a execución presupuestaria da Xunta

O PPdG denuncia que o bipartito "non gastou un só euro nunha ducia de programas".

Segundo o coordinador de Economía dos populares, as áreas de igualdade, protección social, emprego, pesca e medio rural son "as grandes esquecidas".

Orza di que o Executivo pronuncia "palabras que leva o vento".
Xornal.com - clásica Actualizado 01/08/2007 - 11:41 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- O PPdG considera que, segundo o informe de execución orzamentaria a data 31 de marzo de 2007, ata unha ducia de programas presupostarios da Xunta remataron o primeiro trimestre do ano sen ter comprometido un só euro. O coordinador de Economía do Grupo Popular, José Antonio Orza, explicou hoxe en rolda de prensa que "a falta de capacidade de xestión do Goberno bipartito é de escándalo e derívase dos problemas de coordinación e da falta de persoal cualificado nos postos de alta dirección da Administración autonómica".

Orza considera "sorprendente" que "un Goberno que converteu en bandeira os programas de contido social sexa precisamente o que presente unha execución orzamentaria practicamente nula nese ámbito durante os tres primeiros meses de 2007".

Deste xeito, os populares denuncian que ata unha ducia de programas presentan un 0% de obrigas comprometidas, é dicir, "non efectuaron pagamento algún con cargo a eses fondos". Os programas con nula execución (0% de obrigas comprometidas) no primeiro trimestre de 2007 son, segundo o PPdG os seguintes: conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección social; protección e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero; intermediación e inserción laboral; integración laboral de colectivos desfavorecidos e en risco de exclusión; mellora da cualificación No emprego, FSE; infraestructuras pesqueiras; mobilidade de terras agrarias improdutivas; implantación de sistemas produtivos agrarios sustentables; fomento do investimento en capital humano; acción exterior, captación e investimentos estratéxicos; apoio a pequena e mediana empresa e, por último, fomento da calidade da vivenda.

As consellerías "máis preguizeiras"

Os populares galegos chaman a atención sobre "o escaso nivel de obrigas comprometidas globalmente, en todos os capítulos, polas consellerías de Traballo (2,8% de obrigas comprometidas) e por Vivenda e Solo (2,9% de obrigas). Séguelles a Consellería de Política Territorial, que pese ao seu elevado presuposto, tan só foi capaz de comprometer o 4,5% dos seus orzamentos nos tres primeiros meses do ano".

Se a análise da execución presupostaria se circunscribe ao capítulo VI (Investimentos) dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma, "chama a atención que 8 dos 14 departamentos da Xunta de Galicia teñen un grao de obrigas comprometidas inferior ao 3%", segundo declara Orza. "Encabezan ese ranking as consellerías de Economía e de Medio Rural, con tan só un 0,3% de obrigas comprometidas, seguidas de Vivenda, cun 0,9%. Medio Ambiente presenta un 2,4%; a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, un 2,7%; Traballo, un 2,6%; mentres que Innovación e a Presidencia da Xunta están empatadas, cun 2,9% do capítulo VI afectado por obrigas comprometidas", explicou o coordinador de Economía do Grupo Popular na súa comparecencia.

"Unha factura máis do bipartito

Orza Fernández considera que a escasa execución presupostaria constitúe "unha factura máis do Goberno bipartito" que, ao seu xuízo, "se dedica a efectuar anuncios e presentar iniciativas que posteriormente é incapaz de concretar". Son "palabras que leva o vento", a xuízo do deputado popular.

Segundo a análise efectuada polos populares, estes consideran que " a execución total no primeiro trimestre de 2007 non supera o 17,1% do Orzamento, cando, polo menos, debería acadar o 25% e cae case un punto (0,8%) respecto ao mesmo período de 2006".

Con estes antecedentes, os populares galegos prognostican que o Executivo autonómico "volverá rematar este ano cunha baixa execución presupostaria, como xa sucedeu en 2006, que se pechou cunha execución do 75%, o que significa que a Xunta foi incapaz de xestionar unha cifra de 690 millóns de euros".

"Esa escasa execución presupostaria tradúcese en efectos negativos sobre o benestar social, a dotación de infraestruturas e o capital produtivo, o que limita a converxencia de Galicia co conxunto do Estado e coa medias da Unión Europea", sentenciou Orza Fernández .

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad