XORNAL I Santiago.- Un total de 155 docentes non universitarios beneficiaranse o próximo curso 2007-2008 de licenzas por estudos, o que lles permitirá ampliar os seus coñecementos a través do estudo de linguas estranxeiras no exterior, a realización de proxectos de investigación, a elaboración de materiais didácticos e mesmo a obtención dunha nova titulación.
Do total de 155 licenzas concedidas pola
Consellería de Educación, 56 destínanse a profesores de educación infantil e primaria, e 99 a docentes de educación secundaria e ensinanzas de réxime especial. As modalidades polas que se concederon estas licenzas foron a de tese de doutoramento; a de primeira licenciatura, enxeñaría ou arquitectura; a de primeira diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica; a de segunda licenciatura, enxeñaría ou arquitectura; a modalidade de proxectos; a de grupos de traballo; e finalmente, a de perfeccionamento de linguas estranxeiras no exterior.
Puideron optar a esta convocatoria funcionarios docentes de carreira pertencentes aos colectivos de mestres; profesores e catedráticos de ensino secundario; profesores técnicos de Formación Profesional; mestres de taller de artes plásticas e deseño; profesores e catedráticos de artes plásticas e deseño; profesores e catedráticos de música e artes escénicas; profesores e catedráticos de Escolas Oficiais de Idiomas; corpos e escalas docentes declaradas a extinguir, ademais de inspectores de Educación e inspectores ao servizo da Administración educativa. Estes docentes deben estar destinados na actualidade, e durante o próximo curso 2007-2008 en centros docentes, en equipos de orientación específicos, en centros de formación e recursos, nos servizos centrais da Consellería ou ben nos servizos provinciais de Inspección Educativa.
Un dos requisitos esixidos para ser beneficiario destas licenzas foi o de estar en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos 2005-2006 e 2006-2007, e no 2007-2008 seguir tendo destino en centros dependentes da Consellería, ou ben nos servizos provinciais da Inspección Educativa. No momento de solicitar a licenza, deberon contar, como mínimo, con tres anos de antigüidade como funcionario de carreira; acreditar a posesión do título de perfeccionamento de lingua galega ou certificación equivalente; non estar destinado en comisión de servizos durante o curso académico para o que se solicita a licenza; e non estar destinado en adscrición temporal no exterior durante este curso nin durante o período para o cal se solicita a licenza.
Un dos criterios valorados á hora de facer a selección dos beneficiarios foi o interese dos estudos ou traballos a realizar, en relación á mellora da calidade do ensino. Tamén se tivo en conta os anos de servizo, a realización de actividades de formación permanente, a coordinación ou docencia en actividades de formación do profesorado; a participación en programas europeos e as publicacións sobre a materia ou especialidade realizadas.
O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo será, como máximo, do 1 de setembro de 2007 ao 31 de agosto de 2008, para o profesorado de educación infantil e de educación primaria; e desde o 15 de setembro de 2007 ao 14 de setembro de 2008, para os docentes de ensino secundario e profesorado de ensinanzas de réxime especial.