O luns comezan os traballos de recuperación e posta en valor do Castelo da Lúa

Os labores consistirán na recuperación da traza do castelo mediante a recuperación do antigo foxo.
Xornal.com - clásica Actualizado 17/08/2007 - 10:45 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- Este luns comezarán os traballos arqueolóxicos para recuperar e facilitar o coñecemento do Castelo da Lúa, en Rianxo. O obxectivo é garantir a conservación do castelo e facer posible que as persoas visitantes poidan coñecer a súa estrutura e funcións.

Os labores consistirán na recuperación da traza do castelo mediante a recuperación do antigo foxo, hoxe desaparecido ao se tratar unha zona de recheo que serve de acceso ao peirao. A recuperación desta estrutura defensiva utilizará os materiais propios, actualmente depositados no lugar e que foron atopados cando se fixo o paseo marítimo.

O proxecto tamén inclúe a identificación e definición do espazo que ocupaba a torre e os recintos amurallados; así como a instalación dun sistema de iluminación e a mellora e delimitación dos camiños. A intervención contará con supervisión arqueolóxica para detectar posibles restos e novos elementos.

Trátase de reconstrucións para consolidar os restos garantindo a súa conservación e facelos claramente visibles para facilitar que a xente os poida interpretar. Neste sentido, está previsto a instalación de paneis explicativos. Grazas a esta intervención promóvese o coñecemento da nosa historia e do noso patrimonio cultural; así como o valor de atracción turística do castelo.

Historia

Hai uns anos, durante a construción do paseo marítimo, apareceron os restos deste castelo do que había constancia histórica da súa existencia. Probablemente foi erixido no século XIII por Paio Gómez Chariño e máis tarde pasou a formar parte do patrimonio da Orde do Temple e despois do da Mitra Compostelana. Foi derrubado polos Irmandiños arredor do 1.465 e reedificado novamente por Suero Gómez de Soutomaior.

As novas conservadas sinalan o 1.480 como o ano no que foi novamente derrubado polo gobernador real Fernando Acuña. Desde entón e até 1.532 as ruínas do castelo foron empregadas como cárcere, até que nese ano a súa xurisdición pasou ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor da zona. Porén, a fortaleza quedou arruinada e as ruínas foron espoliadas para realizar no ano 1740 o campanario da Igrexa de Santa Comba de Rianxo, así como distintas construcións na comarca e arredores.

Situación actual

Na actualidade quedan soamente os vestixios do que noutrora fora unha das maiores fortalezas militares de Galiza, da que hoxe en día poden verse os cimentos da localización orixinal, na punta da Praia da Torre (nomeada así por mor da presenza do castelo), na desembocadura do río Té.

O tempo e actuacións máis ou menos afortunadas fixeron que os illotes nos que se situaba o castelo, antigamente separados de terra, estean agora unidos e neles construíuse o coñecido como Porto do Pazo e o Paseo Marítimo da Torre.

Hoxe sábese que a construción tiña planta rectangular cunha muralla exterior, na actualidade desaparecida, reforzada ao sur por un foxo, e unha segunda muralla que delimitaba o recinto interno, presidido por unha torre central complementada por dous baluartes laterais e unha zona posterior adicada ás dependencias comúns e servizos do castelo.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad