Cultura comeza unha nova escavación nos petroglifos do Campo Lameiro

A Consellería vén de adxudicar novos traballos arqueolóxicos por valor de 117.000 euros.
Xornal.com - clásica Actualizado 23/08/2007 - 10:38 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- Os petroglifos de Campo Lameiro son a base sobre a que a Consellería de Cultura está a crear o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, un lugar de investigación e de divulgación de referencia para toda Galiza. A Consellería vén de adxudicar novos traballos arqueolóxicos por valor de 117.000 euros para documentar unha zona próxima a onde se levantará o edificio do centro de interpretación do parque.

A escavación investigará unha zona duns 1.200 metros cadrados e buscará posibles restos arqueolóxicos que, posiblemente, poidan estar ligados á elaboración dos petroglifos na súa época. Así mesmo, realizarase un seguimento integral de todos os movementos de terra da área afectada pola construción do edificio do centro de interpretación do parque.

Os traballos comezarán nos vindeiros días e terán unha duración de catro meses. Os datos que poidan aparecer integraranse nos contidos divulgativos que ofrecerá o parque cando estea en funcionamento.

Centro de referencia da arte rupestre

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre constitúe un dos catro parques proxectados dentro da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico e será referente clave para poder protexer e coñecer a arte rupestre. Estará formado por un roteiro para visitar os petroglifos ou gravados na pedra e por un centro de interpretación e de investigación. Terá unha superficie de 220.000 metros cadrados e un contorno de protección ao seu arredor de máis de un millón de metros cadrados.

A área que delimita o parque conta con máis de 80 rochas con gravados na pedra e albergará un antigo poboado relacionado co grupo que elaborou os petroglifos. Acondicionarase o terreo para ser visitado e facilitarse o recoñecemento dos debuxos inscritos nas rochas. Tamén se creará unnha rota especialmente sinalizada e con información sobre a orixe das mostras de arte rupestre e sobre as técnicas empregadas para a súa elaboración.

Por outra banda, o centro de interpretación estará construído en dous andares. No primeiro deles haberá dúas grandes salas para exposicións e tamén estarán ubicadas a cafetería e unha tenda. O segundo andar contará coa biblioteca e o centro de documentación, o laboratorio, unha sala de usos múltiples e diversas aulas.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad