XORNAL I Santiago.- Un total de 375 estudantes de 6º de primaria procedentes de 15 centros galegos terán a oportunidade de participar este outono en actividades de inmersión lingüística en inglés en centros doutras Comunidades Autónomas. A
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inviste ao redor de 90.000 euros nesta acción, cofinanciada polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC).
O principal obxectivo desta actividade é proporcionar aos alumnos participantes unha situación de inmersión en lingua inglesa que lles permita desenvolver as súas habilidades comunicativas nesta lingua, á vez que profundizan en coñecementos relevantes doutras áreas do currículo de educación primaria.
O programa consistirá na asistencia por parte de grupos de 25 alumnos, xunto co seu profesor de inglés, a distintos centros nacionais, fóra do contorno escolar, nos que convivirán polo menos cun grupo doutra Comunidade Autónoma. As actividades desenvolveranse durante unha semana, entre os meses de outubro e novembro do presente ano, en réxime de internado. Propiciaranse situacións que estimulen a práctica do idioma e o seu emprego en contextos comunicativos más amplos que os que permite o conntorno escolar, como actividades cooperativas, de natureza ou culturais, sempre en lingua inglesa.
Trala positiva acollida deste programa en convocatorias anteriores, este ano amplíase considerablemente o número de axudas. En 2005, un único centro da Comunidade puido participar nesta actividade, mentres que en 2006 foron 4 os grupos seleccionados.
Para a selección dos centros participantes tivéronse en conta criterios como a calidade do proxecto de participación presentado, o contexto socioeconómico do centro ou a participación anterior no programa.