XORNAL I Santiago.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista
Teresa Táboas, ten adquiridos o 48% dos 718.745 metros cadrados necesarios para construír o Parque Empresarial de Carballo e inicia o procedemento de expropiación para adquirir o resto dos terreos, 373.428 metros cadrados. O DOG publica hoxe o expediente de expropiación no que figura unha relación de todas fincas e os propietarios dos terreos nos que se vai a desenvolver esta actuación en materia de solo empresarial, das que 178 fincas están afectadas polo expediente expropiatorio.
O Departamento Autonómico inviste 6.256.764 euros na adquisición dos terreos, dos que 3.695.176 irán destinados a pagar as expropiacións e o importe restante a pagar as fincas adquiridas de mutuo acordo entre a Consellería e os propietarios.
Os propietarios de terreos afectados recibirán unha carta individual e certificada comunicándolles o inicio do expediente de expropiación. A partir da data de recepción da carta terán un mes para presentar posibles alegacións. Ademais, o expediente de expropiación permanecerá exposto ao público no Concello de Carballo e nas oficinas de Xestur A Coruña, situadas na rolda de Nelle nº 12-bis 1º en A Coruña, durante un mes desde a publicación no DOG, para a presentación de alegacións por parte de todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas.
Unha vez completada a adquisición do 100% dos terreos a Consellería comezará a as obras de urbanización da 1ª fase deste parque, obras que foron adxudicadas o pasado mes de xullo por 9.927.432 euros e un prazo de execución de 18 meses. O Departamento Autonómico prevé que esta 1ª fase estea rematada no segundo trimestre de 2009.
A 1ª fase do Parque Empresarial de Carballo desenvolverase sobre unha superficie total de 730.000 metros cadrados, e a 2ª fase (zonas A e B), que se desenvolverá con posterioridade, disporá doutros 550.000 metros cadrados máis de solo empresarial. Neste caso o Concello de Carballo está a tramitar os Plans de Sectorización.
O conxunto do Parque Empresarial de Carballo terá unha superficie total de 1.280.000 metros cadrados, dos que se destinarán para uso empresarial 837.043 m2, para uso social, deportivo e equipamentos destinaranse 97.608 metros cadrados, e 117.000 metros cadrados serán para zonas verdes.