XORNAL I A Coruña.- O director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana Gallo, presentará mañá venres, día 14, catro comunicacións no VIII Congreso Internacional sobre Patrimonio Geológico y Minero. Organizado pola Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero na localidade asturiana de Mieres, o foro de expertos en minaría desenvólvese durante a presente semana baixo o epígrafe Nuevas perspectivas para la protección y desarrollo del legado minero y geológico.
As catro comunicacións da Cámara Mineira tratan unha ampla variedade de temas: novas achegas documentais á historia mineira galega do século XVIII e principios do XX, coas figuras do ilustrado José Cornide Saavedra e de Ramón del Cueto Noval, primeiro presidente da Cámara Mineira de Galicia; difusión do modelo de restauración das minas de lignito de As Pontes e Meirama, baseado na integración ecolóxica dos depósitos de entullos e a creación de lagos; revisión como primicia internacional- das dimensións da escultura monumental abstracta Double Negative, de Michael Heizer, inspirada en técnicas de explotación mineira; e unhas reflexións, desde a perspectiva estética do Land Art, en relación á controversia sobre o impacto paisaxístico e o modelo de restauración das frontes de canteira.
A participación da Cámara Oficial Mineira neste congreso de interese internacional insírese dentro dos programas de difusión e investigación da propia entidade cameral. As liñas estratéxicas dos devanditos programas están referendadas tanto polo sector como pola Consellaría de Innovación e Industria da
Xunta de Galicia, departamento do Goberno galego co que a Cámara ten asinado un convenio de colaboración.
Minaría, balnearios e augas minerais
A Cámara Oficial Mineira de Galicia representa o sector industrial dos recursos minerais na Comunidade autónoma: empresas mineiras, balnearios e augas minerais. Fundada en 1925, é unha corporación de dereito público e un órgano consultivo da Administración tutelado pola Consellaría de Innovación e Industria da
Xunta de Galicia. Con sede na cidade da Coruña, a Cámara Oficial Mineira de Galicia forma parte da Agrupación de Cámaras Oficiais Mineiras de España.