Touriño inaugura o curso escolar anunciando importantes novidades na educación

A a gratuidade dos libros desperta certa polémica, pois a liberalización dos prezos no sector fai que o investimento non sexa suficiente.

Antes de que remate a lexislatura, todos os centros de primaria e secundaria terán acceso a Internet desde todas as dependencias, ben por cableado ou por WIFI.
Xornal.com - clásica Actualizado 14/09/2007 - 10:51 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Ames.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou esta mañá que neste curso escolar a Xunta convocará un total de 2.500 bolsas dirixidas a alumnos de secundaria e bacharelato co fin de que poidan cursar estudos de idiomas no estranxeiro. Así, auméntase en 1.000 o número de bolsas con respecto ao curso anterior, o que repercutirá en que os estudantes “adquiran as destrezas necesarias na sociedade multilingüe europea”, segundo sinalou Touriño. O presidente realizou este anuncio no decurso do acto oficial de inauguración do curso escolar 2007/2008, no que tamén participou a titular de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.

Previamente á inauguración oficial do curso, o presidente da Xunta e a conselleira de Educación tiveron ocasión de compartir cos alumnos do colexio de Ortoño, no concello coruñés de Ames, unha ruta de transporte escolar. Precisamente, Touriño quixo destacar no acto de inauguración do curso o esforzo realizado polo Goberno que preside para estender as rutas de transporte escolar en Galicia, así como a figura dos acompañantes. “En Galicia temos máis de 5.000 rutas de transporte escolar. Delas, 2109 precisan de acompañante. Todas elas contan con esta figura neste inicio de curso. Un ano antes da data establecida pola normativa estatal”, aseverou.

Axudas para os concellos

Emilio Pérez Touriño aproveitou a súa intervención no acto para realizar unha serie de anuncios en política educativa que se concretarán neste curso escolar. Así, sinalou que en 2008 a Xunta realizará unha convocatoria de axudas destinada aos concellos co fin de que xestionen a apertura dos centros escolares fóra do horario lectivo. Esta é unha medida que se quere por en marcha, tal e como asegurou Touriño, para “dotar aos centros do maior número de servizos e recursos”.

Paralelamente, o titular do Goberno galego indicou que antes de que remate a lexislatura todos os centros de primaria e secundaria da Comunidade Autónoma “terán acceso a Internet desde todas as dependencias, ben por cableado ou por tecnoloxía WIFI”. Ata o de agora, o 65 por cento dos centros dispón deste acceso, pero en 2009, a cifra será do 100 por cento, segundo anunciou o presidente da Xunta.

Para Pérez Touriño é necesario preparar e equiparar os centros galegos de cara ao futuro “aplicando as TIC aos seus métodos pedagóxicos e no traballo cotiá dos escolares”. Así, tal e como asegurou o presidente, “en dous anos facilitamos á comunidade educativa máis de 30.000 equipos informáticos e concedemos máis de 20.000 axudas ás familias para a compra de ordenadores”. Ademais, fixo fincapé en que neste curso escolar, hoxe inaugurado, serán máis de 500 os centros de ensino “que participan nos plans de mellora do éxito escolar”. Segundo Touriño, “estes plans van acompañados de reforzo do profesorado e apostan tamén pola atención ao alumnado inmigrante”.

Comedor escolar

Por outra banda, destacou que este curso que agora comeza caracterízase tamén pola extensión do servizo do comedor escolar. Así, incrementouse en preto de 13.400 o número de usuarios dos comedores xestionados pola Xunta “e xa son preto de 60.000 en total os alumnos e alumnas de ensino obrigatorio que diariamente xantan nos centros da nosa Comunidade”. Touriño engadiu que “case todos os centros públicos de Infantil e Primaria de Galicia terán servizo de comedor este curso. De feito, na actualidade, tres de cada catro centros ofrecen xa o dito servizo”.

O impulso ao estudo de linguas, ademais, é outra das prioridades da Xunta de Galicia en materia educativa, segundo explicou o presidente. Así, ademais das bolsas xa mencionadas, Touriño destacou que se adianta dos 8 aos 6 anos o inicio da aprendizaxe da primeira lingua estranxeira “tal e como dita a Lei Orgánica de Educación”. E, a maiores, concretou que “os nenos galegos poderán estudar inglés xa desde os 3 anos”.

Ademáis, o presidente da Xunta destacou a vontade do Goberno galego por dar resposta aos novos retos educativos que vaian xurdindo porque, segundo asegurou, “o porvir da Educación depende de todos e cada un de nós”. Touriño fixo un chamamento a realizar “un esforzo colectivo” a prol da educación porque é un eido que está a repercutir no cambio de Galicia. Así, o presidente referiuse á educación “como eixe e piar principal para a modernización do país e para acadar unha sociedade mellor, máis competitiva e preparada”.

Gratuidade polémica

No decurso da súa intervención, o titular do Goberno galego fixo un repaso das principais medidas en política educativa promovidas pola Xunta de Galicia ao longo destes dous anos. Así, referiuse en concreto a extensión da gratuidade dos libros de texto a todo o ensino obrigatorio. Segundo destacou o presidente galego, “este ano 217.096 alumnos de ensino obrigatorio terán gratis os textos de estudo e 145.000 familias galegas evitarán facer fronte á xa esquecida costa de setembro motivada pola volta ao cole. De feito, cada familia aforrará 200 euros, o que converte a Galicia nunha das comunidades nas que é máis accesible o inicio do curso escolar”.

Esta medida, nembargantes, está a despertar certa polémica. E é que a liberalización de prezos nos libros de textos fai que os cálculos da Xunta sobre as axudas para compralos sexan erróneos. Segundo denuncian varios afectados no diario La Opinión de A Coruña, moitas familias tivieron que pagar ate 50 euros de diferencia entre a subvención da Xunta e o prezo dos libros. Algunhos centros din estar "desbordados" polo traballo que supón a asignación dos exemplares que envían dende as librerías.


Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad