A eficiencia e a calidade son o centro do Sistema Sanitario galego, di Sanidade

As áreas de Aprovisionamento da Área Sanitaria de Ferrol e da Xerencia de Atención Primaria de Lugo; así como as Áreas de Xestión Económica, Aprovisionamento e Contratación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago recibiron a certificación de calidade ISO 9001:2000.

Nos próximos meses outros nove centros hospitalarios galegos e outra xerencia de atención primaria conseguirán cadansúa certificación.

Máis de mil empregadas e empregados públicos recibiron formación en calidade.
Xornal.com - clásica Actualizado 20/09/2007 - 09:15 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, María José Rubio Vidal, asegurou que “os obxectivos de eficiencia e de calidade deben converterse no centro da xestión do noso sistema sanitario” e engadiu que “só as organizacións que sistematizan un sistema de xestión de calidade son capaces de lograr un alto desempeño no seu funcionamento, mantelo e melloralo continuamente”. “Por iso –destacou Rubio Vidal- hai que marcarse obxectivos de calidade, xestionar os procesos de actividade, instaurar a cultura da medición, coñecer a opinión dos nosos clientes, auditarse interna e externamente, e instaurar a mellora continua”.

Así o salientou a titular da Sanidade pública galega no acto de entrega das novas certificacións ISO 9001:2000 á Área Sanitaria de Ferrol, á Xerencia de Atención Primaria de Lugo, e ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Os dous primeiros certifican a súa Área de Aprovisionamento, e o complexo compostelán, as súas Áreas de Xestión Económica, Aprovisionamento e Contratación.

María José Rubio Vidal salientou que a Área Sanitaria de Ferrol ten unha importante tradición no ámbito da calidade, pois o alcance do seu sistema de xestión da calidade ISO 9001 xa abarcaba o seu Servizo de Análises Clínicos, Farmacia Hospitalaria e Lavandería. Respecto do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, subliñou que tiña xa certificado o seu Servizo de Medicina Nuclear e a Unidade de Diálise; e tamén destacou que a Xerencia de Atención Primaria de Lugo é a primeira xerencia de primaria que acada un certificado de calidade.

A presidenta do Servizo Galego de Saúde avanzou que nos vindeiros meses, a Xerencia de Atención Primaria de A Coruña e outros nove centros hospitalarios acadarán tamén a súa certificación. O vindeiro ano 2008, coa certificación doutro centro hospitalario e das catro xerencias de primaria restantes, “completarase totalmente a primeira fase do proxecto Aproviso 9mil, que tiña como obxectivo implementar os sistemas de xestión da calidade e conseguir a súa certificación”.

Na actualidade, existen dez centros do Servizo Galego de Saúde que teñen sistemas de xestión de calidade. Tamén diferentes áreas dos servizos centrais, como a de Aprovisionamento da División de Recursos Económicos, a área de Tarxeta Sanitaria da Dirección Xeral de Planificación e Aseguramento, e a de Informática da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

A conselleira de Sanidade destacou tamén o desenvolvemento dun programa formativo que ten como obxectivo a formación básica de todo o persoal, a formación avanzada para mandos intermedios e impulsores do proxecto, e a formación para dispoñer de auditores internos.

En total, realizáronse 37 actividades formativas nas que participaron 1.73 alumnos, dos cales 185 recibiron formación avanzada e 177 formación para realizar auditorías internas.

Evolución do Aproviso 9mil

O aumento da eficiencia na xestión e na prestación dispúxose nas Directrices de política sanitaria en Galicia, onde se reflectiu un plan de implantación de sistemas de xestión de calidade ISO 9001:2000 en todas as áreas de xestión económica, aprovisionamento e servizos xerais.

A División Xeral de Recursos Económicos elixiu a norma ISO 9001:2000 como base para organizar os sistemas de xestión de calidade porque é a norma de calidade máis difundida e con máis experiencia de aplicación, e está baseada nunha visión integral e dinámica de mellora continua e orientada á satisfacción do cliente.

Ademais, é unha norma flexible que permite non incluír a totalidade dos procesos principais que se desenvolven nunha organización, senón que permite empezar por unha parte dos procesos e progresivamente ir ampliando o sistema.

Futuras liñas de traballo

María José Rubio Vidal asegurou que “no ano 2008 todos os procesos da División de Recursos Económicos integraranse no sistema de xestión de calidade, incluíndo a xestión orzamentaria e económico-financieira, a xestión de obras e de equipamentos, a xestión patrimonial e toda a contratación”.

Ademais estase a elaborar un novo proxecto corporativo que abrangue a todas as áreas coordinadas pola División de Recursos Económicos: hostalería, mantemento, servizos xerais, contratación e xestión económica. Para a súa posta en marcha, crearanse comités técnicos, elaboraranse novas guías de implantación, executarase un novo plan de formación e profundizarase na colaboración con diversas institucións.

Outro dos obxectivos é que os centros elaboren os seus propios proxectos de implantación cun horizonte temporal de catro anos, onde planificarán a extensión progresiva dos seus sistemas de xestión de calidade a todas as áreas mencionadas.

A conselleira de Sanidade tamén salientou que “xa se está a traballar na mellora dos sistemas implantados, desenvolvendo talleres para establecer indicadores ou formas de medir a satisfacción do cliente”.

No acto de entrega das certificacións de calidade participaron ademais da conselleira de Sanidade, a directora da División Xeral de Recursos Económicos, Ana Fernández Pulpeiro; e tamén estiveron presentes o director territorial de Galicia AENOR-Asociación Espñaola de Normalización, Martín Pita López, e o director de Operación en España LRQA-Lloyd’s Register Quality Assurance, José Luis Lampreave.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad