O persoal que participou na limpeza do fuel do Prestige sufre problemas de saúde

Os estudos científicos realizados confirman este feito, recoñecido polo Goberno central.
Xornal.com - clásica Actualizado 01/10/2007 - 10:21 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Madrid.- En resposta a unha pergunta do senador do BNG, Francisco Jorquera, o Goberno Central recoñece que os estudos científicos “confirman danos na saúde do persoal que participou na limpeza do fuel do Prestige”.

Francisco Jorquera interesábase na súa pergunta polas conclusións do estudo científico de investigadores das universidades da Coruña, Barcelona e Madrid no que analizaron a máis de 800 mariñeiros que participaron en tarefas de limpeza de fuel durante a marea negra do Prestige. O senador nacionalista tamén reclamaba financiamento para este tipo de estudos xa que “transcenden a investigación meramente científica, posto que se trata dunha cuestión de grande relevancia social e que afecta ademais á saúde pública”.

Na súa resposta, o Goberno informa de que a memoria de conclusións do devandito estudo, remitida ao Instituto de Saúde Carlos III de Madrid no mes de xuño, corrobora a afectación na saúde do persoal que participou na limpeza de fuel do Prestige.

En concreto, asegura que nas conclusións da memoria consta que “os resultados actuais mostran un incremento do risco de síntomas respiratorios, hiperactividade bronquial, estres oxidativo, inflamación pulmonar, remodelado bronquial e vascular e dano cromosómico asociado á participación na limpeza do fuel 1 a 2 anos despois da mesma”.

Os científicos recomendan facer un seguimento dos danos na saúde

Ademais, infórmase de que os dados clínicos e epidemiolóxicos recollidos ao longo do estudo realizado “revelan, a xuízo dos científicos responsábeis do mesmo, a necesidade dun seguimento da saúde da poboación analizada, tanto para confirmar a tendencia á diminución dos síntomas asociados a medida que aumenta o tempo transcorrido dende a exposición, como para afondar na elaboración de estratexias axeitadas de prevención ante futuras catástrofes, con especial énfase na protección respiratoria”.

Neste sentido, o Goberno anuncia tamén que está en fase de valoración a solicitude dun novo proxecto de investigación, presentado á convocatoria do Instituto de Saúde Carlos III, para clarificar e confirmar ou matizar os resultados do proxecto.

O senador do BNG lamenta que o Goberno elude responder a unha das cuestións basilares que demandaba na súa pergunta: a necesidade de que se contemplen axudas compensatorias para paliar os danos na saúde das persoas afectadas.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad