XORNAL I Santiago.- O portavoz do
BNG no Congreso,
Francisco Rodríguez, anunciou onte en rolda de prensa o voto favorábel dos nacionalistas galegos á Lei de Memoria Histórica. Valorou positivamente as melloras que tivo durante o trámite parlamentar: É un instrumento, aínda que limitado, para recuperar a memoria colectiva de que aquí houbo un golpe de Estado totalmente ilegal e no que se perseguiu á xente por pensar dunha determinada maneira e por defender o pluralismo e os valores democráticos. Se non o facemos agora, máis adiante será máis difícil, porque haberá menos xente viva, e porque non sabemos como vai ser a evolución política do Estado español, afirmou.
Entre os aspectos positivos que gañou a lei tras o seu trámite destacou a facilidade que se dá aos investigadores para acceder aos arquivos sen cortapisas e a mellora das axudas para a localización das vítimas soterradas en lugares anónimos. Tamén valorou moi positivamente o compromiso das administracións públicas na eliminación da simbloxía franquista. É unha mágoa que non figure unha institución que non é pública pero si ten moita importancia como é a Igrexa Católica, afirmou, pero lembrou que a propia lei recolle a posibilidade de eliminar as subvencións ás institucións que non eliminen os símbolos do fascismo e da exaltación da violencia.
O deputado nacionalista asegurou que o
BNG vai contribuír a que haxa un consenso o máis maioritario posíbel. En primeiro lugar, porque cada vez hai menos xente afectada directamente, e mesmo os fillos están xa nunha etapa da súa idade moi avanzada; gustaríanos que as vítimas que quedan vivas puidesen ver recuperada a súa dignidade através da reparación moral consecuente, aínda que só sexa coa declaración de ilexitimidade dos tribunais que emitiron condenas e sentencias, afirmou. Nesta liña tamén destacou que os represaliados van ter acceso á declaración de reparación e recoñecemento persoal a eles e ás súas familias que fará directamente o goberno.
Así mesmo, haberá unha mellora das prestacións recoñocidas até agora e habilitaranse indemnizacións aos que sufriron a represión e ás familias dos asasinados entre 1968 e 1977 (que recibirán unha indemnización de 135.000 euros).
Unha lei mellorábel
Porén, Rodríguez ve un aspecto cuestionábel na lei: que non se parte da filosofía de que o franquismo foi un réxime ilegal, e polo tanto non se acepta que as sentencias e os xuízos sumarísimos sexan anulados directamente. Tamén criticou que non se cree unha fiscalía especializada para que a Lei poida ser aplicada con todo o rigor. No tocante á ilexitimidade do réxime do xeneral Franco lembrou que esta xa foi recoñecida por algúns organismos internacionais.
En todo caso, xustificou o voto favorábel do
BNG porque na dialéctica política actual, os que se opoñen a esta lei non o fan en nome de ningún tipo de concordia, senón porque non queren que se declare ilexítimo o réxime franquista. Son sectores que defenden un españolismo intransixente, como o foi o franquismo, son aqueles que defenden un Estado confesional católico, son os que reprimen todo o diferente en materia ideolóxica, lingüística ou sexual, dixo, asegurando que nestas circunstancias sería un fracaso non sacar adiante a lei, aínda que non sexa a que nós desexariamos.
Por último, destacou o papel realizado por CiU e especialmente polo PNV durante a negociación, polo esforzo realizado para que a lei saíse o mellor posíbel e fose apoiada pola maior parte de forzas do espectro parlamentar.