XORNAL I Santiago.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria,
Laura Sánchez Piñón, salientou que este curso 2007-2008 porase en marcha un novo programa que incidirá na mellora do éxito escolar na educación primaria. Así, a máxima responsable do departamento educativo galego explicou que a finalidade desta nova iniciativa é a mellora dos resultados académicos, concretamente, na atención á diversidade e a afectividade na ensinanza, o reforzo da acción titorial e a orientación. A conselleira de Educación compareceu onte no
Parlamento de Galicia para dar conta das principais novidades para este ano académico.
Laura Sánchez Piñón afirmou que este novo programa, que se engade a outras iniciativas, coma o PROA ou o MORA, que tamén perseguen a mellora do éxito escolar, desenvolverase por medio de protocolos de actuación cos centros educativos, que recibirán formación e dotación en recursos humanos e económicos, en coherencia co proxecto presentado. Así mesmo, explicou que o prazo temporal será de dous anos.
Así, a conselleira de Educación salientou que a mellora das taxas de éxito académico do alumnado constitúe un reto para calquera sistema educativo, e adiantou que proximamente estarán dispoñibles os resultados de participación do alumnado galego no informe PISA 2006, xa que por primeira vez, a Comunidade galega será analizada individualmente do mesmo xeito que Comunidades como País Vasco e Cataluña.
Durante a súa intervención, a máxima responsable do departamento educativo galego fixo referencia ao desenvolvemento da Lei Orgánica de Educación (LOE) na Comunidade. Así, Sánchez Piñón salientou que o curso 2007-2008 foi o primeiro no que se aplicou o novo decreto de admisión. A este respecto, a conselleira sinalou as altas cotas de éxito da súa aplicación, xa que o 98,9% do alumnado galego foi escolarizado na súa primeira opción.
Así mesmo, Sánchez Piñón destacou que máis de 90.000 alumnos galegos xa están a estudar nas aulas de acordo coa LOE, que este curso se aplica en 1º e 2º de primaria e 1º e 3º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria fixo referencia ademais á mellora nos servizos complementarios, polo que este curso 2007-2008 os sistema educativo público conta con 538 comedores nos que comen cada día ao redor de 60.000 alumnos. Do mesmo xeito, salientou que o obxectivo da Administración educativa é a optimización dos centros e a conciliación da vida familiar e laboral dos pais, a través de medidas como a apertura dos centros fóra do horario escolar. Así, a conselleira afirmou que as Consellerías de Educación e de Cultura asinarán proximamente convenios coas principais cidades para o desenvolvemento deste programa, para despois abrir unha convocatoria pública destinada aos concellos galegos.
Sánchez Piñón salientou ademais que este curso se completa o programa de gratuidade de
libros de texto no ensino obrigatorio, beneficiando a 217.096 alumnos. En relación á dotación tecnolóxica, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria afirmou que a finais de 2005 os centros dispoñían de 33.000 máquinas e unha ratio de 12 alumnos por ordenador, cando a media do Estado era de 9,3; e subliñou que a ratio actual é de 1 ordenador por cada 6 alumnos. Así mesmo, a máxima responsable do departamento educativo galego afirmou que o 100% dos centros de primaria e secundaria teñen canleado básico. Destes, o 65% dos de secundaria teñen canleado en todas as dependencias, e ao remate desta lexislatura todos os centros de primaria e secundaria terán acceso a internet desde todas as dependencias, ben por canleado ou por Wifi.
Ensinanza de linguas
Durante a comparecencia, a máxima responsable do departamento educativo galego salientou ademais as novidades no eido das ensinanzas de idiomas, entre as que subliñou as 2.500 bolsas para estudar idiomas no estranxeiros para o 2008; o adianto da ensinanza da 1ª lingua estranxeira aos seis anos, e a ensinanza, con carácter común, da 2ª lingua estranxeira no primeiro curso da ESO.
Así mesmo,
Laura Sánchez Piñón apuntou posta en marcha este curso do programa CUALE, destinado ao alumnado de 3º e 4º da ESO e ao de ciclos formativos, así como ao profesorado; e que este curso desenvolveranse 284 seccións bilingües, o que supón un incremento do 150% con respecto ao curso anterior.
Dentro desta aposta pola ensinanza de linguas, a conselleira de Educación salientou que 776 centros de infantil contan con anticipación na 1ª lingua estranxeira, o que beneficia a máis de 33.000 alumnos. O reforzo das Escolas Oficiais de Idiomas, coa creación de 9 novas seccións, e a formación do profesorado, a través de estadías no estranxeiro e do programa PALE, constitúe outros dos eixes do Plan de Linguas.
No transcurso da comparecencia,
Laura Sánchez Piñón quixo salientar ademais que o novo decreto que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo desenvolve o Plan de Normalización Lingüística, e persegue que ao final do ensino obrigatorio os alumnos teñan plena competencia nas dúas linguas oficiais da Comunidade.