XORNAL I Madrid.- O Goberno vai realizar un segundo estudo sobre a afectación na saúde das persoas que estiveron expostas ao fuel do Prestige. Así o confirmou ao senador do
BNG, Francisco Jorquera.
O nacionalista lembraba na súa pregunta que, tal como se puña de manifesto nunha resposta por escrito do Goberno ao
BNG do 21 de setembro deste ano, o primeiro estudo realizado por universidades da Coruña, Madrid e Barcelona para o Instituto de Saúde Carlos III sobre unha mostra de 810 mariñeiros de diferentes confrarías galegas constataba unha existencia de afectación na saúde e recomendábase a necesidade de realizar un seguimento da saúde da poboación afectada.
Neste sentido, o senador demandáballe ao Goberno que realizase un segundo estudo ampliado a toda a poboación que estivo exposta directamente ao fuel -persoal de Tragsa, militares, voluntarios...etc.- xa que resulta lóxico deducir que se o primeiro estudo realizado sobre unha mostra conclúe na constatación de afeccións para a saúde, a afectación tamén debe existir en todo o universo de persoas antes citado, pois a mesma non depende da súa condición profesional, senón da intensidade e tempo de exposición ao fuel.
A este respeito, o Goberno asegura que realizará un segundo estudo pero só cinguido ao colectivo de mariñeiros. En concreto, informa na súa resposta da Resolución da Dirección do Instituto de Saúde Carlos III, de 15 de outubro de 2007, pola que se aproba o financiamento dun novo proxecto de investigación sobre `Efectos respiratorios e xenotolóxicos persistentes, asociados á limpeza do fuel verquido polo petroleiro Prestige: estudo de seguimento en mariñeiros galegos.
Ademais, matiza a súa resposta por escrito ao
BNG do 21 de setembro sobre os resultados do primeiro estudo do Instituto da Saúde Carlos III na que recoñecía afectación directa na saúde ao afirmar que os resultados actuais amosan un incremento do risco de síntomas respiratorios, hiperactividade bronquial, estres oxidativo, inflamación pulmonar, remodelado branquial e vascular e dano cromosómico asociado á participación na limpeza do fuel 1a 2 anos despois da mesma.
Pola contra, na resposta de agora o Goberno asegura que as conclusións do primeiro estudo non poden ser consideradas como unha evidencia científica a pesar de que foi realizado por prestixiosos científicos/as de tres universidades-, engadindo ademais que se trata de documentos de traballo para valorar o alcance e os resultados preliminares que se van producindo.
O Goberno non aclara se contempla medidas compensatorios
Por último, o Executivo elude responder a dúas importantes cuestións formuladas por Francisco Jorquera: se, unha vez determinado o grao de afectación na saúde de cada persoa, vai adoptar as medidas médicas e sanitarias oportunas; e se prevé o establecemento de medidas compensatorias nos casos nos que se teñan producido afectacións severas.