XORNAL I Santiago.- A Secretaría Xeral de Emigración, ante as declaracións do presidente do PpdeG, Alberte
Núñez Feijóo, nas que sostén que a Lei de Memoria Histórica só permite acadar a nacionalidade aos netos de exiliados políticos, lémbralle ao líder conservador que os textos legais "hai que lelos enteiros e non a retais pois so así se explica que sosteña que a devandita lei non ofrece a cobertura a aqueles cuxos descendentes marcharon de España por motivos económicos. O preámbulo da lei sinala que esta afecta a todos aqueles que sufriron as consecuencias da Guerra Civil e o posterior período de represión, independentemente da súa ideoloxía".
Dende a Secretaría Xeral de Emigración laméntase "que alguén que no pasado desempeñou cargos institucionais practique cada vez que se despraza ao exterior o cinismo e o dobre discurso". Apuntan que tal vez "debería saber que o portavoz do PP na área de Emigración, José Manuel Castelao Bragaña, amosouse satisfeito co alcance da lei no punto onde se recolle a adquisición da nacionalidade. Posto que Castelao Bragaña, xunto con Feijóo, forma parte da delegación que estes días acompaña a
Mariano Rajoy por América, sería bo para que conveniaran unha posición única que valga para Europa e América".
A Secretaría de Emigración advírtelle a Feijóo que se agora "está insatisfeito co punto da lei que se refire a nacionalidade, no seu momento, en tempo e forma, o seu partido debeu presentar enmendas, cousa que non ocorreu".