Touriño defende a transversalidade do "galeguismo" e di que non é "un gueto"

Touriño defende que a “forza” e o “potencial” do galeguismo radican no seu carácter “transversal” a todos os partidos políticos e na súa capacidade para ser asumido por moi amplos sectores sociais.
Xornal.com - clásica 27/12/2007 - 07:19 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Santiago.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou onte na tarde que o galeguismo é un fenómeno histórico “polifacético”, “plural” e “transversal” e que é “nesa transversalidade, na súa capacidade para ser asumido por moi amplos sectores sociais, onde radica a súa forza e o seu potencial”. Por iso, sinalou o presidente, non se pode identificar con ningunha das correntes que nel conflúen “agás que se aspire a convertelo nun ineficiente gueto ideolóxico”.

Durante a súa intervención na presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía, o máximo mandatario galego fixo un chamamento a seguir escribindo e investigando sobre o proceso que permitiu a obtención da autonomía para Galicia “para evitar a construción dun pasado falsificado ou distorsionado polos tópicos, os prexuízos ideolóxicos e as rutinas interpretativas”.

Pérez Touriño reflexionou na súa intervención sobre o papel xogado polas diferentes forzas políticas no proceso de transición á democracia. Así, incidiu en que as forzas de esquerda querían e loitaban por unha Galicia libre e democrática nunha España libre e democrática, unha Galicia “con capacidade para autogobernarse e para deseñar coa necesaria autonomía vías de solución aos graves problemas de subdesenvolvemento económico, marxinación lingüística e cultural, atonía política e desigualdade social arrastrados secularmente polo país”.

Deste xeito, explicou Touriño, o establecemento da democracia en España supoñía para a esquerda non só a recuperación das liberdades políticas e do Estado de dereito, senón tamén a constitucionalización dunha nova estrutura do Estado, a posta en marcha dunha nova distribución territorial do poder “que pasaba necesariamente polo recoñecemento dos feitos nacionais e rexionais en España”.

“O autogoberno galego era, deste xeito, unha parte esencial e innegociable do proceso de recuperación da democracia. A loita pola democracia en España era tamén a loita polo autogoberno de Galicia. E así o comprendían os partidos máis influíntes da esquerda antifranquista, que a este respecto estaban tamén en plena sintonía coas voces máis autorizadas do galeguismo histórico, agrupado durante a transición no colectivo Realidade Galega”, lembrou.

Conxunción de esforzos a prol do Estatuto

Segundo explicou o presidente, foi a conxunción de esforzos entre os diferentes partidos da esquerda democrática, o galeguismo histórico e sectores “aínda moi minoritarios dunha dereita que comezaba a súa renovación”, o que mantivo “sempre viva” a posibilidade de que Galicia gozase dun Estatuto e dun grao de autonomía similar ao de Cataluña e o País Vasco.

Neste proceso, abundou Pérez Touriño, o liderado lle correspondeu ao Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, a única forza de esquerda que daquela obtivo os votos e a capacidade de manobra política suficientes como para incidir “de forma determinante” no resultado final do proceso autonómico en Galicia, pois, como lembrou, as forzas conservadoras estaban atenazadas “polo temor e polo inmobilismo”, mentres que o daquela “nacionalismo popular” renegaba do autogoberno.

“O difícil e complexo proceso estatutario galego culminaría nas reunións coñecidas como Pactos do Hostal, nas que se chegou a un consenso sobre o texto do estatuto que despois sería sometido a referendo”, manifestou o presidente, para quen con este texto se abriu “unha nova e esperanzadora etapa, unha etapa que se prolonga ata hoxe, na historia de Galicia”.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad