O Goberno quere atallar a crise na construcción con máis obra pública

Touriño anuncia un Plan de Dinamización da Obra Pública que dará "un novo pulo" á construción "a través da axilización da contratación de infraestruturas de transporte e vivenda protexida".
Xornal.com - clásica Actualizado 16/01/2008 - 18:03 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Madrid.- O presidente da Xunta anunciou esta mañá en Madrid un Plan de Dinamización da Obra Pública que dará un novo pulo á construción a través da axilización da contratación de infraestruturas de transporte e vivenda de protección pública. Emilio Pérez Touriño explicou que este plan forma parte dunha serie de medidas que prepara o Goberno galego para actuar de “colchón” ante a ralentización da economía, un conxunto de actuacións nas que o máximo mandatario galego incluíu a reforma do Imposto sobre Sucesións e Doazóns e a posta en marcha dun Plan de Competitividade resultado do diálogo entre empresarios e sindicatos que frutificou no Pacto Social e polo Emprego.

Pérez Touriño cualificou de “ambicioso” este plan e asegurou que se trata dunha “medida de choque”. “Este plan, que ten como obxectivo dar un novo pulo ao sector da construción, pretende axilizar a contratación de obra pública, especialmente en materia de infraestrutura de transporte e vivenda protexida. Con tal fin, se establecerá unha xerarquía, en función do seu caracter dinamizador e de creación de emprego que conleve, e se fixará de forma pormenorizada un calendario de licitación pública das obras”, explicou o presidente galego, quen engadiu que este proxecto se porá en marcha “nas próximas semanas”.

O presidente da Xunta salientou que a reforma do Imposto sobre Sucesións e Doazóns que entrará en vigor despois do verán está deseñada para eliminar “a pesada carga” que soportan os pequenos e medianos patrimonios, garantir a continuidade de miles de negocios familiares, primar a inversión empresarial fronte o patrimonio improdutivo e restar argumentos as ameazas de deslocalización por motivos fiscais. O máximo mandatario galego indicou, ademais, que o Plan de Competitividade nacido como froito do diálogo social, será “unha das ferramentas fundamentais do noso proxecto económico”.

Pérez Touriño resaltou que a economía galega conta con outros “diques de contención”, a fortaleza da economía española e as últimas cifras sobre o crecemento da Comunidade Autónoma, entre as que destacou o índice de malestar económico, “un índice que reflicte a suma dos dous males endémicos da economía: a taxa de paro e a taxa de inflación e que, en Galicia, é 1,5 puntos inferior ao español”. “O que si debemos evitar é a tentación de sementar expectativas negativas sobre a evolución futura da economía porque a confianza constitúe un valor económico de primeiro orden", engadiu o presidente galego

Máis “peso, espazo e presenza”

O máximo responsable da Xunta asegurou que, nos últimos anos, Galicia ten gañado en “presenza, espazo e peso” dentro dunha España plural e salientou o papel de José Luis Rodríguez Zapatero na configuración dun Estado das Autonomías que “non só estendeu e fortaleceu os dereitos sociais fomentando a diversidade cultural, senón que se ten erixido nun extraordinario factor de cohesión e vertebración territorial”.

Pérez Touriño aludiu ao compromiso do Goberno con Galicia e explicou que a Comunidade está un 30% por encima da media española en cantidade de euros investida por habitante”. “Os novos estatutos de autonomía de Cataluña e Andalucía suscitaron infundados recelos en algunhas forzas políticas. Incluso en Galicia houbo quen esgrimiu a pantasma do agravio comparativo. Sen embargo, nos últimos tres anos, Galicia recibiu un 60% máis do que nos correspondería pola aplicación do sistema catalán e un 30% do que recibiríamos polo andaluz”, explicou o presidente galego.

O titular da Xunta salientou que Galicia ten despregada unha estratexia de crecemento que, en só dous anos e medio, permitiu estreitar o diferencial de renda e benestar que aínda separa á Comunidade cos países máis punteiros. Touriño resaltou, ademais, a “xusta” aspiración de Galicia de ter Alta Velocidade en 2012, un obxectivo que coincide co “irrenunciable” compromiso asumido polo presidente Zapatero.

Protección da familia

Na súa intervención, o presidente galego defendeu unha política de familia baseada na “extensión de dereitos”. “O apoio á familia a través de activas políticas sociais constitúe un dos signos distintivos da lexislatura de José Luis Rodríguez Zapatero”, indicou Touriño quen aludiu ás medidas tomadas neste sentido polo Goberno galego.

“Tal e como eu o entendo, e por referirme a decisións tomadas na nosa Comunidade, apoiar á familia consiste, por exemplo, en decretar a gratuidade dos libros de texto, estender o servizo de comedor, abrir os colexios fora do horario escolar, incrementar o número de becas, convocar axudas para comprar ordenadores, desenvolver unha política de vivenda que abarata os arrendamentos ou ampliar as prestacións sanitarias”, enumerou o presidente galego.

Representantes da política, a economía e os medios de comunicación

Pérez Touriño estivo acompañado, no Almorzo Informativo de Europa Press, por representantes dos gobernos español e galego, do eido económico e financeiro así como dos medios de comunicación. Acompañaron ao máximo mandatario galego o presidente de Europa Press, Asís Martín de Cabiedes, o director de noticias da axencia, Ángel Expósito, e o presidente de Sun Microsystems Ibérica, Javier Fuertes. Por parte do Goberno, asistiron ao almorzo o ministro de Cultura, César Antonio Molina, a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, e o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Francisco Caamaño.

Os conselleiros de Economía, José Ramón Fernández Antonio, Política Territorial, María José Caride, Sanidade, María José Rubio Vidal, e Traballo, Ricardo Varela estiveron tamén no almorzo ao que asistiu a presidenta do Parlamento galego, Dolores Vilariño, o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, o alcaldes de Lugo, José Clemente López Orozco, e o de Vigo, Abel Caballero ademais dos embaixadores de Venezuela, Irlanda, Alemaña e Siria e o delegado xeral de Palestina en España, Musa Amer Odeh.

Por parte do mundo empresarial e financeiro, asistiron ao almorzo o presidente do Círculo de Empresarios, Julio Boada, de Unión Fenosa, Pedro López Jiménez, ACS, Florentino Pérez, Banco Pastor, José María Arias Mosquera, Caixa Nova, Julio Fernández Gayoso, o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, o presidente de Corpfin, Felipe Oriol, Martinsa, Fernando Martín, Kiss F.M., Blas Herrero, FCC Construcción, José Mayor, Banco Gallego, Juan Manuel Urgoiti, Reganosa, José Javier Fernández Martínez, Viajes Marsans, Gonzalo Pascual, Real Instituto El Cano, Gustavo Suárez Pertierra, Dragados, Marcelino Fernández Verdes e Banco Espíritu Santo, Manuel de Olázabal.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad