XORNAL I Santiago.- O máximo mandatario galego, Emilio
Pérez Touriño, anunciou hoxe que a
Xunta de Galicia vai licitar este ano obra pública por importe de 1.575 millóns de euros, unha cifra sen parangón na historia da Autonomía, que supera nun 34,6 por cento -405 millóns de euros máis en termos absolutos-, o crédito consignado no Orzamento de 2008 (o volume de licitación excede a dotación orzamentaria pola inclusión de obras plurianuais nesa programación). Así o avanzou durante a súa intervención no marco dun acto organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección, APD, onde explicou que o Plan de Dinamización de Obra Pública que vai poñer en marcha o Executivo que preside ten como principal obxectivo axilizar a licitación e contratación de obra pública para dar un novo impulso á construción, tradicionalmente considerada o sector locomotora que arrastra a actividade económica, aseverou.
Emilio
Pérez Touriño incidiu en que as previsións apuntan a que neste primeiro semestre de 2008 xa se vai licitar obra pública por importe de 804 millóns de euros, mentres que os 771 millóns restantes corresponderán á licitación do segundo semestre. Así mesmo, subliñou que case a metade da licitación prevista para 2008, 761 millóns de euros o 48,3 por cento do total-, corresponderá a infraestrutura de transporte, mentres que 229 millóns irán destinados a obra pública relacionada co ciclo da auga, 226 millóns a vivenda e solo, 99 millóns a centros sanitarios e 68 a centros educativos.
Xunto con isto explicou que o Plan de Dinamización de Obra Pública tamén establece previsións de adxudicación e de certificación durante o 2008. Deste xeito, no que a adxudicación se refire, as cifras globais van ser moi semellantes ás de licitación. En canto ás contías de certificación previstas para 2008 estas ascenderán aos 1.185 millóns de euros o que, segundo sinalou o presidente galego, supón unha extraordinaria inxección de recursos nas empresas construtoras que ultiman a execución dos proxectos que lles foron adxudicados.
A este respecto, o máximo mandatario autonómico lembrou que, aínda que a economía galega goza dun plus de resistencia que atenuará o impacto da desaceleración prevista na economía global, a
Xunta vai poñer en marcha unha serie de medidas que, xunto con este Plan de Dinamización de Obra Pública van permitir que Galicia siga avanzando na boa dirección: a reforma do imposto de sucesións, para eliminar o menor risco de deslocalización por motivos fiscais e un acordo social para mellorar a competitividade das empresas e produtos galegos nos mercados máis esixentes, o Plan de Competitividade.
Avance na converxencia e mellora dos niveis de PIB
Na súa intervención, Emilio
Pérez Touriño insistiu no dinamismo da economía galega e en que a comunidade está a avanzar de xeito firme polo camiño da converxencia. Puxo como exemplo que en 2005, ano da súa chegada á Presidencia da
Xunta, o PIB per cápita de Galicia representaba o 84,5% do estatal, no exercicio seguinte acadou o 85,7% e en 2007, segundo as estimacións da
Xunta, a Comunidade Autónoma acadaría o 86,7%. Dito doutro xeito -aseverou
Pérez Touriño-, nos dous últimos exercicios recortamos en dous puntos e dúas décimas a distancia que nos separa do PIB per cápita estatal.
No 2006 lideramos o crecemento do PIB anual, xunto coas comunidades de Murcia, Cantabria e País Vasco, engadiu Touriño, lembrando que as previsións que se albiscan nas cifras de 2007 inducen a estimar que cando se peche contablemente este exercicio de Galicia vai manter ese liderado, inalcanzable para a economía galega en etapas anteriores.
Na mesma liña, referiuse a outros indicadores que reflicten o dinamismo actual da economía da comunidade: o crecemento do investimento a un ritmo do 7,3 por cento; o avance na creación de empresas, coa constitución de 6.200 novas sociedades entre os meses de xaneiro e novembro de 2007; a taxa de paro, que é a máis baixa nun cuarto de século, situándose no 6,7 por cento, ao que hai que sumar o récord histórico de traballadores activos, con máis de 1.300.000 ocupados; ou a produtividade, que ten avanzado considerablemente ata situarse no ano 2006 no 92,3 por cento da taxa española, o que representa un avance de case tres puntos de converxencia de Galicia en termos de produtividade.
Mellorar capital humano, físico e tecnolóxico
Tal e como recoñece a Unión Europea, o avance da competitividade do noso territorio pasa por promover a produtividade, aseverou o presidente da
Xunta lembrando que isto significa, en suma, mellorar a dotación de capital humano, capital físico e capital tecnolóxico.
Neste sentido,
Pérez Touriño incidiu na aposta do Goberno que preside por situar a Galicia na elite da sociedade do coñecemento. Para iso, lembrou que o 62 por cento do investimento produtivo -máis de 2.300 millóns de euros-, está reservado para accións no ámbito do capital humano, da educación e da formación e que os Orzamentos da
Xunta de 2008 teñen asignados máis de 130 millóns de euros en materia de I+d+i, de tal xeito que, desde hai tres anos a dotación económica nesta última materia ten medrado preto dun 60 por cento.
Polo que respecta ao terceiro aspecto, o capital físico,
Pérez Touriño insistiu na necesidade de mellorar as infraestruturas como elemento esencial de vertebración do territorio, arterias de actividade empresarial e impulsoras de igualdade de oportunidades. O despregue de infraestruturas de última xeración está correlacionado, loxicamente, co esforzo investidor das administracións públicas, aseverou ao respecto, salientando que no caso de Galicia máis da cuarta parte do gasto non financeiro, o 25,3 por cento, corresponde a investimentos, porcentaxe que se reduce a menos do 20 por cento no conxunto das comunidades autónomas. Así mesmo, lembrou que desde a súa chegada á Presidencia da
Xunta a media anual de investimento estatal e autonómico elévase a 4.710 millóns de euros, cifra que case duplica os 2.400 do período anterior.
Pódolles asegurar que a próxima lexislatura vai ser recordada nos
libros da historia de Galicia, aseverou ao respecto, lembrando que o 2012 será o ano da chegada da alta velocidade a Galicia desde Madrid, que en 2013 se completará coa conexión Vigo-Porto; que as sete grandes cidades de Galicia van estar conectadas entre si por autopista ou autovía; e que tamén haberá importantes actuacións en materia portuaria e aeroportuaria e importantes investimentos en acondicionamento de solo industrial.
O presidente da
Xunta avanzou, a este respecto, que dentro dunhas semanas o Goberno que preside vai presentar o Plan de Infraestruturas de Transporte 2008-2020, un documento de planificación especialmente relevante, no que establecemos o compromiso de triplicar a rede viaria de alta capacidade durante o seu período de vixencia, concluíu.
Para ver o cadro explicativo do Plan de Dinamización da Obra Pública preme aquí