XORNAL I Santiago.- O secretario xeral de Comunicación,
Fernando Salgado, destacou onte a dilatada traxectoria profesional do xornalista Gerardo González Martín, galardoado co Premio Diego Bernal na edición deste ano. Un traballo que desenvolveu en todos os medios, radio, televisión e prensa, e mesmo na literatura converténdoo nun exemplo para todos os que nos dedicamos a esta profesión.
Na súa intervención,
Fernando Salgado felicitou a todos os asistentes ao acto no día no que se conmemora o patrón dos xornalistas, tanto aos profesionais dos medios, como aos editores e profesores, felicitación que quixo facer extensible aos que nos precederon no exercicio da profesión.
Así mesmo, o secretario xeral de Comunicación tivo palabras de recoñecemento para a Asociación de Periodistas de Galicia, promotora do acto, polo seu traballo e a súa constancia. Neste sentido subliñou que a asociación traballou ben dende a súa creación e citou como os dous dos feitos máis relevantes que teñen levado a cabo a publicación da revista Comunica e a creación do Premio Diego Bernal.
Iniciativa no ámbito da investigación
En canto á revista Comunica, da que onte se presentou o número 6 dedicado aos orixes dos medios públicos de comunicación de Galicia,
Fernando Salgado destacou que se trata dunha iniciativa moi interesante dende o punto de vista da investigación da comunicación. Valorou o feito de que estuden a comunicación en profundidade, unha materia tan difícil e que a todos nos permite convivir, xa que sen comunicación non habería lazos sociais nin sociedade, remarcou. Neste sentido sinalou como o primeiro logro da asociación, pensar a comunicación ademais de traballala.
O segundo mérito da entidade foi, segundo destacou, a creación do Premio Diego Bernal, ao que cualificou como inolvidable compañeiro. Se o éxito ou fracaso dun premio se mide pola nómina dos galardoados o chegar a décimo terceira edición constata que está a ser un éxito, sinalou. Tanto os presentes no acto como os premiados nas edicións anteriores consolidan e dan prestixio ao Premio Diego Bernal. Así referiuse aos doce profesionais que recibiron o premio, Augusto Assía, Pedro de Llano, Manuel Fernández Areal, Florencio Aldrey,
Camilo José Cela, o colectivo de periodistas vascos, Santiago Rey,
Juan Ramón Díaz, José Manuel Rey Novoa, Alfonso Sánchez Izquierdo, Ángel Botana e Blanca García Montenegro.
O Premio Diego Bernal non ten dotación económica e pretende servir de recoñecemento a toda unha traxectoria profesional no mundo da comunicación.
Tras a recollida do galardón, por parte do presidente da asociación de xornalistas, Arturo Maneiro, o premiado agradeceu pasar a formar parte do cadro de honra xunto co resto de colegas recoñecidos con anterioridade.
Perfil do premiado
Gerardo González ocupou postos directivos en prensa, radio e televisión, desde que a partir dos 28 anos o nomearan director do xornal compostelá
El Correo Gallego. Desempeñou entre outros cargos a dirección de TVG e foi director de programación e emisións de COPE na central da cadea en Madrid, así como responsable en Galicia deste grupo de emisoras, tarefa que desempeñou en dúas ocasións. Tamén foi director da televisión local Televigo.
En paralelo, converteuse nun dos máis prolíficos historiadores locais de Vigo, tema ao que desde 1985 dedicou 12 dos 14
libros que ten publicados. Son incontables as súas monografías en publicacións especializadas e sobre todo os seus traballos sobre o pasado vigués en prensa, actividade que mantivo coa súa Memoria de Vigo na edición local de
La Voz de Galicia.
Estivo dedicado durante seis anos á política, dos que catro permaneceu no
Parlamento de Galicia durante a primeira lexislatura. Na cámara formou parte da deputación permanente. Antes fora delegado provincial do Ministerio de Cultura en Pontevedra. Ata a súa xubilación en 2007 ao cumprir os 65 anos, era colaborador fixo de Radio Voz en cuxo medio galego dirixía o programa diario Al final del día e colaboraba nas páxinas de opinión de
La Voz de Galicia.