Vigo contará con 17 millóns de metros cadrados de solo empresarial en 2015

Anxo Quintana tamén asegurou que o novo solo empresarial permitirá crear máis de 40.000 empregos.
Xornal.com - clásica Actualizado 01/02/2008 - 12:15 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Vigo.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana destacou que no horizonte do ano 2015, Vigo e a súa área de influencia disporán de 17 millóns de metros cadrados de solo empresarial, co que se satisfará a demanda de solo produtivo nesta área. Segundo o Estudio de Viabilidade de localizacións de áreas para a implantación de solos produtivos no sur de Pontevedra, que hoxe presentaron o vicepresidente e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, o déficit de solo industrial en Vigo e a súa comarca móvese nun abano de entre 10 e 13,5 millóns de metros cadrados. Coa posta a disposición dos empresarios de 17 millóns de metros cadrados, “cúbrese a demanda prevista e ademais apórtase un colchón para demandas futuras”.

Dúas liñas de traballo

Para acadar estes 17 millóns de metros cadrados, a Consellería de Vivenda ten abertas dúas liñas de traballo, segundo explicou o vicepresidente na presentación deste estudo de viabilidade. A primeira delas, sinalou, céntrase nos parques empresariais programados que xa están en fase de execución ou de tramitación. Neste senso, apuntou que están en marcha un total de 9´8 millóns de metros cadrados. Quintana fixo referencia ao parque empresarial de Mos, que “de xeito inmediato” porá a disposición das empresas 760.000 metros cadrados de solo e á Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (PLISAN), con 4 millóns de metros cadrados. No que se refire a esta plataforma, a Consellería de Vivenda e Solo conta con 1 millón de metros cadrados que estarán a disposición das empresas este mesmo ano. O concurso de compravenda das parcelas abrirase, segundo explicou o vicepresidente, no segundo semestre do ano.

Quintana fixo referencia tamén neste calendario a curto prazo ao Parque empresarial A Garda Rosal e ao Parque Empresarial de Tomiño, que suman 493.400 metros. Igualmente, subliñou “teremos listo o proxecto sectorial do parque empresarial Mos-Redondela en marzo, con case 800.000 metros cadrados e o do parque empresarial de Val do Tea en Ponteareas, que contará cunha superficie de 1 millón de metros cadrados. Todas estas actuacións suman 9,8 millóns de metros cadrados, que están a ser desenvolvidos polo Goberno galego ou por outros operadores públicos, cun investimento, só por parte da Consellería de Vivenda 202 millóns de euros.

Segundo explicou o vicepresidente, trátase dunha cifra de solo produtivo “moi importante pero insuficiente”, xa que apenas cubre a demanda prevista para o sur da provincia, que segundo este estudo se move e os 13´5 millóns de metros cadrados. Así, era necesario planificar novos solos produtivos que cubrisen a demanda prevista e aportasen un colchón para demandas futuras. Neste senso, sitúase a segunda liña de traballo posta en marcha polo goberno, que son os parques empresariais de nova implantación previstos no estudo de viabilidade que presentou hoxe Quintana. O vicepresidente explicou que este proxecto ”prevé a creación de 7´2 millóns de metros cadrados de solo empresarial organizados en tres áreas: o anel de Vigo, anel exterior a Vigo e a área PLISAN”. Terían un investimento global de 280 millóns de euros. Estas dúas liñas de traballo, a dos parques que xa están en marcha e a dos novos proxectos que se inclúen no estudo de viabilidade, sumarían 17 millóns de metros cadrados de solo empresarial a desenvolver no horizonte do ano 2015, co que, segundo o vicepresidente, “quedaría satisfeita a demanda de solo empresarial de Vigo e a súa área de influencia”.

Na súa intervención, o vicepresidente destacou que a creación de solo empresarial de calidade e a prezos competitivos é un obxectivo prioritario do goberno, que puxo en marcha unha “política de solo produtivo en clave de país” baixo unha dobre premisa a de atender a demanda real das empresas, e a de favorecer o reequilibrio territorial.

Segundo explicou ofrecer solo empresarial é clave para fortalecer o tecido económico e para favorecer a creación de emprego. É, subliñou, “a clave para vertebrar o territorio e a tarxeta de presentación que amosa o noso nivel de desenvolvemento e, polo tanto, a nosa capacidade para captar investimento, talento e poboación”. Quintana tamén explicou que o goberno está a facer do solo produtivo non un problema senón unha oportunidade. Neste senso, subliñou, “a área funcional de Vigo é o gran campo para demostralo pola súa intensa iniciativa empresarial, empresas que innovan e se internacionalizan, que desenvolven alianzas para competir nun escenario global”. A obriga da Administración é, dixo, despexar o camiño corrixindo o déficit de solo empresarial, en particular nesta parte do país.

Modelo propio de política de solo industrial

O Vicepresidente da Xunta explicou que o Goberno galego achega un “modelo propio de política de solo industrial” no que priman a planificación e a visión estratéxica. Quintana dixo que “a Galiza do século XXI debe estar integrada por territorios intelixentes” e situou as prioridades da política de solo empresarial da nacionalista Teresa Táboas en “que haxa espazo para o desenvolvemento industrial, para o desenvolvemento industrial cualificado en elementos de I+D+i e que este desenvolvemento non afogue a calidade de vida e o benestar”. Por iso o Vicepresidente sinalou a importancia de que estes parques sexan “ben dimensionados e en harmonía co entorno” reconectando as vilas e cidades e poñendo freo á degradación, “espazos axeitados para producir e vivir”, explicou Quintana.

Segundo explicou o Vicepresidente, Vivenda está a levar a cabo un ambicioso paquete de actuacións para facer da área funcional de Vigo un espazo produtivo integrado con influencia tractora sobre o conxunto de país, “unha folla de ruta para convertela en vértice definitivo da potencia creativa e competitiva de Galiza”. Esta programación contempla 17 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial a través dun investimento global de máis de 480 millóns de euros, que vai a supoñer a creación de máis de 40.000 postos de traballo, segundo dixo Quintana.

O Vicepresidente enmarcou este “esforzo sen precedentes” no marco dun proxecto global de país. Quintana sinalou que a Consellería de Vivenda está a xestionar neste momento case 40 millóns de metros cadrados de solo produtivo no conxunto de Galiza, cunha superficie urbaniza’da ou en proceso de urbanización que só entre 2005 e 2007 representa o 135 por cento do que se urbanizou nos 16 anos anteriores. Quintana confirmou que deste xeito se están a cumprir os obxectivos do Programa Galiza Suma e adiantou que se está a traballar na elaboración dun Plano Sectorial de Solo Empresarial que planifique as nosas necesidades máis alá de 2015.

Quintana destacou a política de solo empresarial que desenvolve o departamento da nacionalista Teresa Táboas, caracterizada por unha acción planificada, continuada, eficaz e eficiente “que se afasta do minifundismo e das accións parciais para poñer en valor espazos produtivos de calidade que conecten oferta e demanda”. Segundo dixo Quintana “este é o camiño para encarar os tempos de incertidume económica, ter visión de país e ofrecer solucións solventes que actúen sobre os factores que definen a competitividade do futuro”.

Visita ao parque empresarial de Mos

Anxo Quintana, supervisou en Mos as obras de urbanización do Parque Empresarial de Mos, que se veñen de iniciar esta mesma semana. Estes traballos teñen un prazo de execución de 14 meses, polo que estarán rematadas en marzo do ano 2009. Segundo explicou o vicepresidente, trátase dun “parque empresarial de carácter estratéxico, tanto pola súa extensión como pola súa ubicación”. Conta cun total de 776.000 metros cadrados de superficie, localizados nunha das áreas de maior demanda de solo produtivo do país. O investimento público para a creación deste parque ascende a 48 millóns de euros.

Quintana explicou que o prazo para a compravenda de parcelas neste parque empresarial ábrese o próximo luns día 4, a un prezo de 160 euros o metro cadrado. O prazo que teñen as empresas para presentar as súas ofertas de compra é de dous meses.

O vicepresidente sinalou que saen a concurso público un total de 60 parcelas, cunha superficie variada que permita atender un amplo abano de demanda empresarial. Ofértanse parcelas de ata 5.000 metros cadrados de superficie, parcelas de entre 5.000 e 10.000 metros cadrados, e contémplase tamén a reserva dun número de parcelas cunha superficie superior aos 10.000 metros cadrados. Quintana destacou que as condicións de compravenda están deseñadas “para favorecer a aquelas empresas e emprendedores que conten cun proxecto económico real, evitando calquera intención de compra especulativa.” Por esta razón, as parcelas que se vendan deben ter a nave construída e operativa para albergar a actividade económica no prazo máximo de tres anos. O obxectivo, explicou o vicepresidente, é “garantir que o solo produtivo adquirido e urbanizado con inxentes recursos públicos se destina á finalidade para a que foi deseñado que é albergar empresas e xerar emprego”.

Outros proxectos inmediatos

O vicepresidente destacou a iniciativa da Consellería de Vivenda para por en marcha un novo parque empresarial, cunha superficie de 786.000 metros cadrados, nesta mesma área, entre os concellos de Mos e Redondela porque segundo sinalou “o parque empresarial de Mos é insuficiente para atender á demanda real que hai nesta parte do país”.

Segundo anunciou o vicepresidente, o proxecto sectorial deste novo parque estará listo no mes de marzo, o que permite iniciar e concluír a súa tramitación administrativa dentro deste mesmo ano. O inicio das obras, apuntou, está previsto para o primeiro semestre de 2009 o que, segundo o vicepresidente “permitirá chegar a 2010 con dous grandes parques empresariais”, que estarían situados entre os concellos de Mos e Redondela.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad