Quintana reta a PP e PSOE a que apoien a igualdade xurídica de galego e castelán

"Xa que tanto falan do bilingüismo harmónico, ¿que problema teñen entón en que sexan iguais en dereitos e obrigas o galego e o castelán?", pregúntase.

Pola súa banda, Francisco Jorquera avoga pola supresión do Ministerio de Cultura “porque non existe unha cultura española” única.
Xornal.com - clásica Actualizado 20/02/2008 - 12:32 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I A Coruña.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, retou hoxe ao PpdeG e PsdeG a que apoien na nova lexislatura un Estatuto de Nación para Galiza no que se recoñeza o mesmo estatus xurídico e administrativo para galego e castelán, “xa que tanto falan do bilingüismo harmónico e ben entendido. Que problema teñen entón en que sexan iguais en dereitos e obrigas o galego e o castelán”.

Na actualidade, segundo as interpretacións do Tribunal Constitucional, as dúas linguas son cooficiáis en Galicia, pero o castelán ten un estatus xurídico superior ó galego.

O portavoz nacional criticou que, “cando intentamos que a nosa cultura estea presente, hai algunhas voces, nomeadamente do Partido Popular, pero non só do Partido Popular, que aseguran que queremos privilexios e atacan as posicións en defensa do noso idioma lanzando proclamas a través dun bilingüismo harmónico. Esta expresión na súa boca é unicamente unha coartada para intentar cercenar os dereitos do galego”.

O líder nacionalista fixo estas declaracións nun acto no que avanzou, xunto co cabeza de lista pola Coruña ás elecións do 9-M, Francisco Jorquera, as propostas do BNG en materia cultural e no que ambos os dous destacaron que “o nacionalismo galego non se entendería sen o mundo da cultura, porque foi o que o fixo posíbel e lle dá razón de ser. Porque non concebimos a cultura sen a súa dimensión social, como instrumento de desenvolvemento”.

Quintana apelou á necesidade de “respaldar todas as iniciativas que sirvan para internacionalizar a cultura galega e o noso patrimonio cultural, moitas de elas están xa planificadas pola Consellaría de Cultura e agora teremos presenza en Madrid para avalalas e farémolo coa confianza e forza que dá telo feito xa antes”.

Neste sentido, o portavoz nacional lembrou que, se a Torre de Hércules é hoxe candidata a ser Patrimonio da Humanidade é “porque desde a Consellaría de Cultura púxose en marcha o expediente necesario”.

A participación política decisiva do BNG en Madrid servirá, “ante todo”, tal e como subliñou Quintana, “para aportar algo moi positivo á democracia, intentar convertir en normal en termos políticos o que a sociedade xa entende como algo normal: que o Estado español está composto por varias nacións e non pasa nada por recoñecelo. Sen o BNG, unha realidade coma ésta ficaría como un feito histórico que moitos tentarían esquecer”.

Anxo Quintana asegurou que o papel do BNG consiste en “dar normalidade a este feito, Cambiar o monolingüismo, a cultura da exclusión, pola da pluralidade e a cooperación”, neste contexto, asegurou que, “a redución bipartidista é un empobrecemento da política e tamén da cultura”.

Presenza de Galiza nos foros culturais

O cabeza de lista nacionalista ao Congreso pola Coruña, Francisco Jorquera, avanzou, entre outras cuestións, que o nacionalismo aposta pola supresión do Ministerio de Cultura e dixo que o BNG é a “única forza que concorre a estas elecións cunha proposta clara de reforzar a cultura galega no Estado, porque para nós ten entidade propia”.

“Un BNG decisivo en Madrid é a garantía de que imos superar unha visión uniformista da realidade española, por iso apostamos pola supresión do Ministerio de Cultura”, acrecentou, “porque non existe unha cultura española, senón distintas culturas e, polo tanto, as políticas culturais teñen que ser transferidas e a concertación de políticas entre distintos pobos ten que facerse a través de instrumentos que non conleven a existencia dun departamento ministerial”.

Francisco Jorquera foi explicando polo miúdo as distintas propostas programáticas na materia como a presenza directa do goberno galego en todas as entidades instrumentais que existen no Estado para facer política cultural como o Instituto Nacional de Artes Escénicas, no Instituto Cervantes, o das Artes Audiovisuais e diferentes sociedades estatais, para estarmos presentes en todos os foros en que se debatan políticas culturais”.

O traspaso do Instituto de Estudos Padre Sarmiento, a titularidade dos museos, arquivos e bibliotecas que se ubican en Galiza son outras das medidas programáticas nacionalistas, asi como a mellora dos beneficios fiscais, “para que sexa un estímulo na produción e consumo de cultura”, asi como a colaboración en políticas de proteción e rehabilitación do patrimonio, a dixitalización dos fondos documentais galegos, asi como a desafeción de edificios militares para usos culturais, son outras das medidas desgranadas na súa intervención por Francisco Jorquera.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad