XORNAL I Lugo .- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, o director xerente da SA de Xestión do Plan
Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar e mais o director artístico do proxecto Artes no Camiño, Canco López, presentaron onte en Lugo unha nova edición do Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago, que desenvolve a SA de Xestión do Plan
Xacobeo, da Consellaría de Innovación e Industria. Segundo explicou o titular deste departamento, o programa Artes no Camiño continúa cos obxectivos de compaxinar as necesidades e posibilidades dun público diverso cunha oferta de calidade e variada en contidos.
Durante os meses de xullo e agosto de 2008 dez vilas e cidades lucenses polas que discorren as rutas de peregrinación a Compostela serán a sede de diversos encontros artísticos, cursos, festivais e actividades sociais. Lugo, Samos, Sarria, Mondoñedo, Foz, Triacastela, Pedrafita, Ribadeo, Portomarín e Paradela acollerán as actividades culturais de Artes no Camiño. A actividade educativa que conforma o programa desenvolverase durante o mes de xullo. As actividades para o público xeral concentraranse en agosto. Logo da edición do ano pasado, a Consellaría de Innovación e Industria repite experiencia con algunhas modificacións na localización das actividades e con novas actuacións. O ano pasado en Samos, máis de mil persoas asistiron ao concerto da soprano Bárbara Hendricks.
Entre as novidades artísticas desta nova edición figuran estrelas como o violinista Benjamin Kreith, o frautista Carlos Cano, o dúo Aghari-Kreith, o bailarín Jurik Kondraj, o grupo Hipocampus ou o grupo de música contemporánea Zahir Ensemble. Doutra parte tamén a Camerata del Prado e o Trío Mei ofrecerán actuacións relevantes. O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo será un dos máis destacados nos obradoiros de poesía, unha das novas actividades que se incorpora ao programa.
Concertos de presentación
O grupo Ars Combinatoria actuará nos concertos de presentación do programa Artes no Camiño que se celebrarán os días 15 e 17 de marzo en Samos e en Foz respectivamente. O día 15 o concerto terá lugar no mosteiro de Samos ás 20,00 horas. O concerto do día 17 celebrarase na Igrexa de San Martiño de Mondoñedo en Foz tamén ás oito da tarde. Nas dúas actuacións, o grupo interpretará música medieval do Camiño de Santiago.
Actividade educativa e social
As actividades que se inclúen neste programa presentado hoxe en Lugo divídense en catro grandes áreas: Cursos, Festival das Artes, Actividade Social e Festival da Mocidade. Na área de Cursos os alumnos inscritos poderán afondar no coñecemento do canto gregoriano da man de J.C. Asensio; da luthería a cargo de
Antonio Franco e Germán Arias; da orquestra da man de David Quiggle, do violín e da viola a cargo de Elsa Ferrer; do violonchelo da man de Carlos G.Amigo; Alfonso Morán instruirá sobre o contrabaixo e Charo Pita sobre a arte de contar contos. Juan Moredo impartirá o obradoiro de danza e María Jiménez, de Des-coNpuesto Teatro, o de teatro. Imelda Ferrer e Chus Mondelo encargaranse das artes plásticas. Como novidade, nesta edición introdúcese un taller de poesía que correrá a cargo de Antón Fortes.
O Festival das Artes será gratuíto para todos aqueles que desexen asistir aos concertos e espectáculos que se programan durante todo o mes nas devanditas vilas. Agrupacións como Des-coNpuesto Teatro ou Disque Danza son algúns dos reclamos do encontro internacional. No Festival da Mocidade participarán, entre outras, a Nova Orquestra Galega das Artes, No Camiño Teatro Novo, Academia bandArt ou o Trío Morelia. Anade e Nadia Adame centralizarán a actividade social.
A iniciativa deste Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago está financiada integramente pola Consellaría de Inovación e Industria a través da SA de Xestión do Plan
Xacobeo, que achegou 380.000 euros para o desenvolvemento do programa, e conta coa colaboración dos Concellos nos que se celebran os diferentes eventos. A dirección artística do proxecto corre a cargo de Canco López e a dirección técnica é un traballo de Elsa Ferrer. María Jiménez está á fronte da coordinación de teatro e J. Carlos Zahera coordina a danza. Vicente Galaso é o director da Área Social.
Máis de 450 persoas traballarán nesta iniciativa para que a programación cultural estival das diferentes vilas da provincia de Lugo se vexa incrementada. Todos os interesados en asistir aos espectáculos e concertos e en participar nos diferentes talleres poderán obter información en www.xacobeo.es e mais na páxina de Artes no Camiño: www.artesnocamiño.com.