XORNAL I Santiago.-A Mesa pola Normalización Lingüística chamou hoxe luns á sociedade galega a mobilizarse masivamente Polo dereito a vivirmos en galego, lema que encabezará a manifestación que a asociación en defensa da lingua convoca para o vindeiro 18 de maio en Santiago de Compostela.
Nunha conferencia de imprensa celebrada esta mañá na capital de Galiza, o presidente da asociación, Carlos Callón, sinalou cales son os obxectivos fundamentais desta convocatoria: Lembrarlles aos poderes públicos que teñen obriga de cumprir e facer cumprir a lexislación en materia lingüística e demandar que o galego sexa lingua cooficial na realidade, e non só no papel, así como recordar que o galego é o único idioma natural de Galiza, o que o Estatuto denomina lingua propia do país.
A manifestación, parte principal dos actos que a asociación prepara para o Día das Letras, sairá ás doce do mediodía da Alameda compostelá, e rematará na Praza da Quintana, lugar onde se lerá o manifesto, cuxa redacción definitiva se aprobará na Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, que se celebrará este sábado, 29 de xaneiro, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. A este manifesto poderanse unir tanto persoas a título particular como asociacións e colectivos.
Fran Rei, coordenador de Zonas da Mesa, sinalou que se trata dunha convocatoria aberta a toda a sociedade sen distinción, unha mobilización cidadá plural e explicou que a asociación se vai dirixir ao conxunto do tecido asociativo, entre eles aos centros de ensino, asociacións de pais e nais, equipos de normalización lingüística e imos facer un especial esforzo para convocar aos diferentes concellos do país.
Para Susana Romero, membro da directiva da asociación, é a situación actual da lingua o que nos leva a saír á rúa. Pola súa banda, Carlos Callón, presidente da Mesa, salientou que, ao longo da historia da asociación, creada hai xa 22 anos e con máis de 3.300 socios, foron varias as mobilizacións convocadas coa defensa da lingua galega como bandeira. Para Callón, o obxectivo do acto do vindeiro 18 de maio é superar as anteriores e que participe a inmensa maioría da sociedade, non só nas rúas de Compostela senón a través da adhesión ao manifesto. De nós depende que o galego teña futuro, subliñou.
Callón convidou aos que falan de imposición lingüística a que tenten vivir 24 horas en galego, e así comprobarán que non hai ningún ámbito onde se garanta minimamente o seu uso. Así mesmo, acusou ao
Partido Popular de romper consensos existentes previamente e recordou que o PP sempre votou a favor de leis e proxectos a favor do galego cunha condición: que non se poñan en práctica. Callón demandou que se dea un baño de realismo aos discursos sobre lingua e que de verdade se dea un proceso de normalización do galego.