O Parque Empresarial de Gondomar terá un proxecto supramunicipal

Permitirá ordenar e dotar das necesarias infraestruturas e servizos o Polígono Industrial da Pasaxe.
Xornal.com - clásica Actualizado 03/04/2008 - 10:11 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL I Gondomar .- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, vai levar a cabo a ordenación e urbanización do que se coñece como Parque Empresarial da Pasaxe, o que permitirá a moitas das empresas alí instaladas regularizar a súa situación actual e ademais contar cos servizos e infraestructuras propias dun parque empresarial do século XXI.

Para que isto sexa posible, e dada a situación urbanística deste actual asentamento de empresas, a Consellería de Vivenda e Solo redactará un Proxecto Sectorial de incidencia supramunicipal, para ordenar e urbanizar a área xa existen e para, ademais, ampliar a superficie de solo produtivo con 300.000 novos metros cadrados de solo empresarial.

A redacción deste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal foi anunciada pola conselleira de Vivenda e Solo esta mañá nunha visita institucional ao Concello de Gondomar, onde asinou un protocolo de colaboración co alcalde, Xosé Antonio Arauxo, para levar a cabo esta importante actuación. Táboas explicou que a contratación do proxecto será licitada no prazo dun mes, para ter a proposta redactada en setembro e poder iniciar a tramitación administrativa do proxecto sectorial.

“Este proxecto nos permitirá ordenar e dotar das necesarias infraestruturas e servizos o que a día de hoxe se coñece como Polígono Industrial da Pasaxe e, ao mesmo tempo, crear 300.000 metros de solo empresarial como ampliación desa área que, por suposto, contará con todos os servizos e infraestruturas”, salientou Táboas, quen cualificou esta proposta de “ambiciosa e responsable” xa que permitirá dar unha solución á situación de desorden urbanístico actual e, ademais, ampliar a oferta de solo produtivo “con todos os servizos e infraestructuras para as empresas” nunha área de elevada demanda como é a zona de influencia de Vigo.

Tras a sinatura do protocolo, a conselleira nacionalista explicou que se dará unha participación activa na elaboración do proxecto sectorial aos representantes da Asociación de Empresarios de A Pasaxe, da Xunta de propietarios de terreos incluídos no ámbito do polígono de A Pasaxe, da Comunidade de Montes de Vincios, así como as diferentes administracións públicas.

“Tanto Consellería como Concello temos como criterio que o Parque Empresarial da Pasaxe sexa un modelo de xestión e coordinación das distintas Administracións públicas en orden a regularizar e ordenar situacións urbanísticas nacidas á marxe do planeamento e aos efectos de dotalas de condicións de sustentabilidade urbanística e ambiental compatibles”, salientou Táboas.

Por outra banda, a conselleira de Vivenda e Solo tamén explicou que o Proxecto Sectorial garantirá a reubicación do campo de fútbol da parroquia de Vincios, que na actualidade se atopa incluído no ámbito de actuación, “ben dentro do propio ámbito ou ben fóra do mesmo en terreos que a tal efecto poña a disposición a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios” explicou Táboas.

Nesta visita institucional, Consellería e Concello tamén asinaron un convenio de colaboración en materia de reurbanización e mellora de espazos públicos. En concreto, contempla a mellora da Rúa das Ánimas, onde están ubicadas dúas promocións de 70 vivendas protexidas de promoción pública, moi próximas á casa do Concello e que enlaza a zona antiga da vila coas áreas de novo desenvolvemento próximas ao centro urbano. O investimento nesta actuación ascende a 193. 475 euros, dos que a Consellería aporta o 80% e o Concello contribúe cun 20% do custe total.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad