XORNAL.COM I Santiago.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista
Teresa Táboas, convoca o concurso público para executar por 32.525.660 as obras de urbanización do Parque Empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, que conta cunha superficie total de 1.380.000 metros cadrados. A Consellería enviou ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) a convocatoria deste concurso, que establece de prazo ata o 4 de xullo para que as empresas interesadas presenten as súas propostas nas oficinas de Xestur A Coruña, sociedade pública adscrita á Consellería, (situadas na Ronda de Nelle 12-bis 1º andar).
Unha vez resolto o concurso público, a empresa que resulte adxudicataria disporá dun prazo máximo de 24 meses para executar a obra. A convocatoria pública será enviada tamén ao Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días.
Neste momento está en marcha o procedemento de expropiación da totalidade dos terreos nos que se vai a desenvolver este parque, repartidos en 277 fincas. O investimento previsto para este capítulo ascende a 31,1 millóns de euros. A previsión da Consellería de Vivenda e Solo é rematar o procedemento de adquisición dos terreos no 1º semestre de 2008 e comezar as obras de urbanización no segundo semestre de 2008.
O Parque Empresarial da Sionlla terá unha superficie total de 1.380.000 metros cadrados, dos que se destinarán un total de 730.000 metros cadrados a solo empresarial neto distribuído da seguinte forma: 411.821 metros cadrados destinados a empresas de actividade industrial, 111.066 metros cadrados para uso terciario, e 207.064 metros cadrados para uso mixto industrial/terciario, aínda que a distribución final dos usos pode variar en función da demanda empresarial.
Ademais, o Parque Empresarial da Sionlla contará cunha terminal de transporte ferroviario, de 74.000 metros cadrados, o que o converte nunha plataforma loxística. As empresas contarán con conexión por ferrocarril e por estrada, N-550 e a P-9, ademais da proximidade do aeroporto de Lavacolla. Pegado á futura terminal hai reservada unha superficie de 44.000 metros cadrados para acoller a localización de servizos relacionados co transporte.