XORNAL.COM I A Coruña.- O catedrático Xosé A. Fraga Vázquez, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago, dirixirá os Museos Científicos Coruñeses, posto vacante a raíz do nomeamento de Ramón Núñez como director do Museo Nacional da Ciencia, do Goberno central, con sede agora na Coruña. Xosé A. Fraga Vázquez é diplomado en Historia das Ciencias e das Técnicas e actualmente exerce como catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e director do Instituto de Monelos, na Coruña.
Gracias a obra de Ramón Núñez, os Museos Científicos da Coruña mantéñense á vangarda internacional da divulgación do saber. O seu sucesor, Xosé A. Fraga, é autor de máis de sesenta publicacións sobre ensino, divulgación e historia das ciencias e ten impartidos numerosos cursos nestas materias na Universidade da Coruña. Tamén é membro de número do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses e presidente da Asociación de Investigadores Ramón de la Sagra desde a súa fundación, en 2003. Membro da xunta directiva da Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas desde setembro de 1996 ata setembro 1999, foi tamén membro do Consello de Redacción de Llull, revista de Historia das Ciencias da Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas desde setembro de 1995 ata a actualidade e membro do Consello de Dirección desde 2006.
Coordenador, desde a súa fundación, en maio de 1987, do Grupo de Traballo Interdisciplinar Ramón María Aller de Historia das Ciéncias e das Técnicas, na Área do Seminario de Estudos Galegos, Xosé A. Fraga foi director de Ingenium, Cadernos de Historia das Ciencias e das Técnicas, entre 1994 e 1998 e codirector desde 1998 ata a actualidade. Tamén é coordenador e editor do Diccionario histórico das Ciéncias e das Técnicas da Galiza (1993, 2005).
Un proxecto de éxito de Ramón Núñez
Desde que en 1985 abriu as súas portas a Casa das Ciencias, A Coruña mantense como un destacado núcleo no campo da divulgación científica. Canda este museo, a Domus e o Acuarium Finisterrae traballan para lle achegar á cidadanía o coñecemento de maneira divertida e interactiva. O grupo de divulgadores que traballan desde entón neste campo enfróntanse agora ao reto de integrar esta rede coa vindeira instalación na cidade do Museo Nacional de Ciencia, da man de Ramón Núñez.
Comezou como un pavillón no medio do parque de Santa Margarida. "A rede naceu en 1983. Eu era o director do servizo municipal de educación", explica Ramón Núñez, anterior director dos Museos Científicos Coruñeses en Culturagalega.org. "Un día, falando con
Paco Vázquez preguntoume que podíamos facer co Palacete de Santa Margarida, e suxerín que se podía instalar alí un museo do estilo dos novos science centers, sen fondos de colección". As propias características do edificio deron para suxerir algunhas das instalacións que, aínda hoxe, definen este centro. O planetario da cúpula ou o péndulo que oscila no espazo da escaleira completáronse cos serie de módulos interactivos sobre diferentes fenómenos físicos e unha serie de exposicións temporais que rapidamente conseguiron un grande éxito. Para desenvolver o proxecto museolóxico, o equipo coruñés contou coa experiencia da Fundación Caixa de Pensións de Catalunya (logo integrada en La Caixa), propietaria do Museo da Ciencia de Barcelona.
Desde aquel primeiro pavillón xurdiron dous novos e espectaculares edificios cos que se conformou a rede de Museos Científicos Coruñeses, os coñecidos Domus ou Casa do Home e mais o Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peixes. "Aquel museo axiña de converteu no máis visitado de Galicia", apunta Núñez. "As escolas tentaban reservar visitas para anos sucesivos e, aínda que non aceptamos isto, había unha grande lista de agarda. Todas as actividades tiñan unha acollida moi boa e iso facíanos reflexionar de que había unha demanda social deste tipo de información". Foi coa idea de atender esa demanda que se foi desenvolvendo a idea de contar con novos espazos dedicados á ciencia na cidade. Primeiro pensouse na posibilidade de ampliar a propia Casa das Ciencias, pero a peculiar arquitectura do palacete aconsellou desbotar esa idea. "Entón pensamos en facer un edificio novo e dotalo de identidade propia", lembra Núñez. Primeiro pensouse na creación da Casa dos Peixes, pero a dificultade para conseguir uns terreos axeitados deu en que finalmente fose a Domus a primeira en ver a luz, dez anos despois que o primeiro dos museos.
O home e os peixes
"A Domus foi o primeiro museos de divulgación científica monográfico", salienta o director destes centros. "Ten un tema que relaciona todos os seus contidos pero que ao tempo é amplo abondo para tocar moitos aspectos, pensando en nós como persoas ou como especie". O característico edificio realizado por Arata Isozaki conseguiu converterse desde entón en todo un símbolo internacional da cidade. O Aquarium, pola súa banda, xurdiu "como un lugar de homenaxe ao mar nunha cidade que ten o raro mérito de ser a única cidade do mundo que tivo tres grandes desastres ecolóxicos polo petróleo", salienta Núñez. Este complexo céntrase na educación sobre os océanos e a Natureza, a representar os ecosistemas mariños da costa galega aproveitando a súa localización onda o mar aberto. "É o único acuario do Estado, e dos poucos de Europa que traballa con auga viva, con plancto", puntualiza o director destes centros.
"Outros acuarios teñen que ter as estrelas de mar ou os mexillóns de plástico porque empregan auga esterilizada que non ten a riqueza que precisan os invertebrados. Aquí, o que outros chaman escenario está vivo". O centro trata, ademais da propia vida mariña cuestións coma a pesca, a vida mariñeira e mesmo a literatura con temática mariña, cunha especial atención ás "20.000 leguas de viaxe submarina" de Verne. "De resultas disto, o que xorde é un híbrido entre un acuario tradicional e un museo", completa Núñez. Así configurado, o conxunto dos museos consigue unhas cifras de visitantes dunhas 700.000 persoas cada ano, para os que traballa un total aproximado de 130 persoas entre todos os centros.
A pesar de teren modelos coma o centro catalán ou o Exploratorium de San Francisco, a Casa das Ciencias e, por extensión, a Rede de Museos Científicos, desempeñaron un labor pioneiro no xeito de musealizar e de divulgar a ciencia. "Era a primeira vez que un concello amosaba que se podía facer algo relacionado coas ciencias con cargo aos seus orzamentos de cultura. Daquela o normal era que eses cartos se dedicasen a certames, exposicións ou a manter a banda municipal, e a palabra cultural non incluía normalmente o que chamamos Ciencia", lembra Núñez en Culturagalega.org.
"Desde entón foron xa máis de vinte os concellos, deputación, cabildos ou comunidades os que introduciron este tipo de actividades nos seus orzamentos". Pero o carácter pioneiro da iniciativa non se reduce só ao tema. "Maioritariamente as ideas que se aplicaron foron propias do equipo de divulgadores que ten o conxunto dos museos, que é dos mais importantes de España", sinala o director fundador desta rede. E é que vinte anos de actividade dá para aprender e para aplicar moitas cousas. Os premios Prisma á divulgación científica, os Luís Freire á investigación escolar, as monografías que publican os museos "cando hai un tema relacionado coa ciencias que crea inquedanza social", a Feira da Ciencia, os congresos... A lista é realmente longa, observa tamén Culturagalega.org.