Miles de persoas concéntranse en Santiago "Polo dereito a vivirmos en galego"

O presidente da Mesa califica de "histórica" a manifestación.
Xornal.com - clásica Actualizado 18/05/2008 - 18:05 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I Santiago.- Miles de persoas, 25.000 segundo os organizadores e 8.000 segundo a Policía Local, participaron hoxe nunha manifestación en Santiago de Compostela para reclamar “o dereio a vivirmos en galego”.

A manifestación, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, transcurriu dende a Alameda ata a Praza da Quintana e foi amenizada por grupos de gaitas e un conxunto de percusión. Os manifestantes, pertencentes a máis de 500 colectivos, corearon consignas como “ Do médico ao notario, en galego a diario”, “Na rúa e no traballo, en galego todo o ano” e “Polo dereito a vivirmos en galego”, que era o lema da movilización.

Xa chegados á praza da Quintana, a actriz Isabel Martínez-Risco encargouse de animar ao público, até que se produciu a lectura do manifesto, a cargo de persoas que se significaron pola súa defensa da lingua nos últimos meses.

Ana López-Suevos, xuíza denunciada ante o Consello Xeral do Poder Xudicial por un avogado da Cadena Cope por redactar unha sentenza en galego; Ignacio Vilar, director e produtor de Pradolongo, exitoso filme rodado integramente na nosa lingua e que non se puido visionar nas salas comerciais de Santiago de Compostela pola negativa dos seus responsábeis; Xesús da Torre, que non foi contratado nun hotel por falar en galego, e Eduardo Álvarez, mestre denunciado e sancionado por reclamar da administración de xustiza o dereito a expresarse e a recibir información en galego debullaron os parágrafos do manifesto promovido pola Mesa.

“Burra, no hables lenguas menores”, “Es que se te podría escapar algo en gallego”, e “A mí no te dirijas en gallego”. Estas foron as tres citas coas que comezou o seu discurso Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen fixo fincapé en que, a día de hoxe, se segue a discriminar á xente por falar en galego. “A pesar do que poida parecer, estas frases non foron pronunciadas durante o franquismo, senón este mesmo ano”, sinalou.

Carlos Callón, defendeu “o dereito colectivo básico e elemental a usar o galego con normalidad en calquera ámbito xa que non perxudica a ninguén” polo que reclamou aos poderes públicos que “garanticen” dito dereito.

Callón tamén dixo que o galego é “a lingua natural e Galicia” e reprobou a quenes negan ese dereito ao considerar que usan “discursos franquistas”. Tamén criticou “o cinismo de aqueles que queren que a lingua galega se convirta nunha reliquia”.

Na súa alocución dirixiuse explicitamente aos poderes públicos: “se hai vontade, pódese aprender dos erros, corrixilos e afianzar os acertos”, aínda que tamén manifestou que “se nós non defendemos o noso idioma, ninguén o vai facer por nós”. “Os adiantos para o galego sempre foron conseguidos pola presión democrática da sociedade”, concluíu.

Na manifestación, que o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística calificou de “histórica”, estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera; a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas e o concelleiro delefado de Promoción Económica, Empleo, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, entre outros.

Quintana: ““Dicir que o galego está imposto é mentir”

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, participou na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística onde afirmou que esta convocatoria é un “berro de seducción de todos os que queremos o galego” sobre aqueles cidadáns que aínda non o falan “para que se sumen a nós”.

Anxo Quintana explicou que non se trata dunha manifestación dos que falan en galego en contra dos que falan en español, “non nos manifestamos para pelexar entre galegos senón para que“todos nos sumemos á nosa lingua natural”.

O voceiro nacionalista quixo felicitar aos organizadores e valorou o éxito da convocatoria que, na súa opinión, pon de manifesto que hai unha cidadanía, plural, con distintas sensibilidades, que defende o galego, como lingua “natural e maioritaria do País”.

No que atinxe ás administracións públicas, Quintana lembrou que “teñen a obriga de potenciar o idioma e traballar e facer políticas nesta dirección, que non é sinónimo de imposición senón de obriga e responsabilidade política”.

O portavoz nacional do BNG indicou tamén que calquera reivindicación xusta ten que se basear en verdades, “dicir que o galego está imposto ou que se están a adoptar medidas para impoñelo é falso, a nosa única verdade é que o galego á a nosa lingua natural e voluntaria e libremente a empregamos”.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad