O vazquismo presiona a Losada sobre o relevo nos museos científicos coruñeses

Anxo Quintana xa está informado dunha situación que Henrique Tello non ten resolta.
Xornal.com - clásica Actualizado 26/05/2008 - 08:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I A Coruña.- O nomeamento dun director para os museos científicos coruñeses segue a xenerar reaccións na cidade e mesmo no resto de Galicia e tamén en Madrid. Entre tanto, o vazquismo presiona o alcalde de A Coruña, Javier Losada (PSOE), sobre o inminente relevo.

Como informou en primicia Xornal.com, a concellería de Cultura, en mans de María Xosé Bravo (BNG), propuxo para o posto a Xosé Antón Fraga, persoa de recoñecido prestixio no ámbito da cultura científica galega.

Sobre o papel, a decisión non debería provocar polémica, pois a esa concellería corresponde a xestión da institución. Pero a realidade está sendo algo distinta. Porén, tras unha acollida inicial favorable ao nomeamento do profesor Fraga, medraron as presións sobre o alcalde Javier Losada, a prol de que deteña a designación.

Presións do vazquismo sobre Javier Losada

Sectores do PSOE coruñés ligados ao anterior alcalde, Francisco Vázquez, e tamén a algún medio local, están a insistir na necesidade de que o elexido proceda da propia institución e chegan a ameazar con serias dificultades para o futuro das relacións entre os musesos científicos coruñeses e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, agora con sede na cidade herculina.

O Museo Nacional está dirixido polo anterior xestor dos museos, Ramón Núñez Centella, responsable do éxito acadado pola institución coruñesa e persoa moi ligada ao anterior alcalde e a algún medio de comunicación da Coruña.

Nesta situación, o BNG amosa unha certa parálese. O responsable do grupo municipal, Henrique Tello, non dou mostras de entender a importancia dos museos científicos e, lonxe de afrontalo, enredouse pola contra en cuestións banais, como a polémica do frustrado concerto de Bob Dylan. A situación é tal que, segundo fontes de Xornal.com, desde a dirección galega do BNG meditan incoporar outro tipo de plantexamentos neste tema. O propio portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, está xa ó día deste asunto.

Vázquez, apoiado na Igrexa e no Banco Pastor

Pola súa banda, o alcalde Javier Losada debátese entre as presións recibidas e a obriga de recoñecer a competencia do seu socio de goberno. E isto cando aínda resoan na cidade as palabras da recente visita do ex alcalde Francisco Vázquez, quen non para de ningunear a Javier Losada.

O anterior rexidor aproveitou para solicitar aos cidadáns que marquen no IRPF a casilla da Igrexa e defender a permanencia dos símbolos franquistas. De feito, o seu enfrontamento co actual alcalde parece avanzar, amosando a súa predilección por privilexiar as relacións con sectores sociais e económicos conservadores.

Á mesma hora na que o PSOE local celebraba unha asamblea, Francisco Vázquez pronunciaba unha confererencia sobre o labor da Residencia Padre Rubinos, acompañado na mesa de José María Arias, presidente do Banco Pastor, que durante anos tivo na fachada do seu banco unha placa de José Antonio Primo de Rivera, retirada unha vez denunciada a situación por Xornal.com.

Desde o BNG ignoran se Javier Losada será quen de soportar as presións ás que está sometido no tema tema dos museos científicos. En todo caso, agardan que valore a necesidade de estabilizar o goberno municipal e consolidar un proxecto político propio para A Coruña, alonxado das hipotecas do vazquismo.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad