XORNAL.COM I Santiago.- O vicepresidente da
Xunta,
Anxo Quintana, destacou hoxe a importancia da función social da arquitectura á hora de artellar un modelo de urbanismo e de vivenda pensado na xente, en constante diálogo e interacción coa sociedade. Un urbanismo con énfase no espazo público e comprometido co benestar das persoas e un urbanismo como construción de espazos de benestar e calidade de vida, explicou Quintana, quen resaltou que precisamente este modelo de vivenda e de urbanismo social é o que está aplicando o Goberno galego a través da Consellería de Vivenda e Solo. O vicepresidente fixo estas declaracións hoxe na inauguración do Foro de Resultados do certame de arquitectura que, baixo o lema Urbanidade Europea, Cidade Sostible e novos espazos públicos, convoca o EUROPAN, a federación de organizacións de 23 estados europeos.
Este concurso de arquitectura e urbanismo diríxese a arquitectos europeos menores de 40 anos, que deben presentar, sós ou en equipo, o seu proxecto para calquera dos emprazamentos propostos polos países participantes. Con este foro que se desenvolve en Santiago estes días clausúrase a novena edición deste certame.
O vicepresidente destacou, na súa intervención, que dende a
Xunta se está aplicando ese modelo de urbanismo social a través das distintas políticas postas en marcha, como o reforzamento da vivenda protexida, o impulso do aluguer, a atención á rehabilitación e á valorización do patrimonio construído ou a promoción dunha política global de vivenda centrada na calidade. En canto a vivenda protexida, Quintana expuxo que dende o Goberno se traballa para avanzar cara a igualdade de oportunidades no acceso a vivenda protexida, e para elo, preténdese ampliar o 40% da reserva de solo para vivenda protexida nos vinte e un concellos galegos que superan os 20.000 habitantes e onde se concentra o groso da demanda.
Outros dos eixos da aposta polo urbanismo social do Goberno galego reside, segundo o vicepresidente, no impulso da alternativa do aluguer e a diversidade nas tipoloxías construtivas (como as vivendas compartidas para mozos e maiores), respondendo así a unha demanda cada vez máis diversificada. O impulso pola valorización do patrimonio construído é outro dos puntos fundamentais de acción co obxectivo de sanear, dinamizar e densificar as vilas e cidades do país, prestando especial atención á rehabilitación dos cascos históricos. Por último, Quintana lembrou que todas estas actuacións no eido da vivenda e do urbanismo se fan seguindo unha estratexia global centrada na calidade, tanto para a vivenda protexida como a libre, unha estratexia que se plasma nas Normas do Hábitat Galego, en vigor dende o pasado mes.
Val da Rabeda
O vicepresidente adiantou hoxe en Santiago que Galiza pretende seguir estando moi presente na vindeira edición deste certame de arquitectura de EUROPAN. A
Xunta proporá un novo emprazamento en Galiza para a presentación de proxectos por partes dos participantes no concurso. Trátase de que xurdan propostas arquitectónicas e solucións innovadoras para unha das áreas da zona residencial de vivendas protexidas que se van crear no proxecto do Val da Rabeda.
Quintana explicou que o proxecto do Val da Rabeda é unha macro-actuación integral, de impacto en tres concellos da Galiza interior, na que se conxugan accións en diferentes ámbitos: creación de vivenda protexida, rehabilitación do patrimonio artístico, recuperación paisaxística e creación de solo empresarial. O obxectivo é que na próxima convocatoria do certame de EUROPAN un dos emprazamentos para presentar propostas sexa só unha das áreas de vivenda protexida que no Val da Rabeda se van acometer.
Certame EUROPAN
Anxo Quintana mostrou hoxe a súa dobre satisfacción porque Galiza acolla esta fase final do certame de EUROPAN, satisfacción porque Galiza sexa anfitriona deste importante evento, converténdose na primeira nación do Estado en acoller a celebración deste foro. E satisfacción porque, ademais de ser sede da clausura do foro, en Galiza se atope un dos emprazamentos europeos a concurso este ano, en concreto no concello de Poio. O vicepresidente lembrou que, tras vinte anos de experiencia, EUROPAN é hoxe un dos concursos de arquitectura máis prestixiosos, unha iniciativa ademais para sumar e recoñecer o talento dos novos creadores e dos novos profesionais.
Nesta novena edición do certame de EUROPAN participaron 22 países e presentáronse 73 emprazamentos a concurso, que foron obxecto das propostas creativas dos arquitectos. Destes emprazamentos, 7 estaban en España, un deles en Galiza, en Poio. Do total de 1.752 proxectos presentados foron galardoados 132 equipos de arquitectos, con 63 premios e 69 mencións e tamén 65 propostas finalistas.
O foro de resultados que hoxe se inaugurou en Santiago é a fase final desta novena edición de EUROPAN. Trátase dunha reunión internacional na que se poñen en común os logros de cada edición e nela participarán unhas 700 persoas. Durante estes días, Santiago acollerá conferencias sobre vivenda e urbanismo, a exposición dos 132 proxectos premiados, debates sobre os proxectos e a presentación da publicación do catálogo de resultados. Os participantes no foro achegaranse ademais durante estes días á realidade arquitectónica da cidade de Santiago.