O BNG denuncia as trabas dos equipos de normalización lingüística

"Non as teñen nin as empresas ou medios de comunicación que atacan ao galego", afirma Manuel Parga.
Xornal.com - clásica Actualizado 12/06/2008 - 14:14 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I Santiago.- O portavoz de Educación do grupo parlamentar do BNG, Manuel Parga, vén de formular unha pergunta oral á Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, sobre a exclusión de 135 centros da liña de axudas económicas para as equipas de normalización da lingua no noso país.

O parlamentar nacionalista inseríu este problema na situación actual da infancia e mocidade galega de “desgaleguización” no tránsito da familia á escola e loubou o labor destas equipas de normalización lingüística na potenciación do uso da lingua galega e asegurou que “se non houbo máis desgaleguización foi grazas ao traballo de moitas equipas de normalización”.

Por isto, Parga amosou a súa disconformidade co feito de que “bastantes centros quedaran fóra das axudas para o fomento do galego neste curso, co prexuízo claro que isto supón para organizar as súas actividades e, como consecuencia, para a lingua galega”.

O portavoz de Educación contrastou a diferenza entre os 15 centros excluídos na convocatoria anterior e os 135 desta polo que incidíu na necesidade de “facilitar medidas” para que estes centros non se vexan prexudicados, ao tempo que perguntou polo cambio de criterios nesta convocatoria que ocasionou esta exclusión.

A Secretaria Xeral explicou que nesta ocasión, a convocatoria destas axudas “sacouse antes do que era costume”, para segurar de seguido que se informou debidamente aos centros deste adianto e dixo que a Secretaría excluíu “aos centros que non presentaron a solicitude en tempo e prazo”.

Ante a suxestión do BNG de que se tivera ampliado este prazo, López indicou que valoraron esta posibilidade, mais preferiron, finalmente, seguir adiante co proceso para non demorar as axudas aos centros beneficiados.

Vontade política

Parga valorou os anuncios feitos pola Secretaría de Política Lingüística sobre novas medidas para informar aos centros sobre esta convocatoria, como a posta en marcha dun teléfono directo para a consulta de dúbidas ou un espazo propio na web da Secretaría, mais, pedíu unha solución para as equipas actualmente excluídas das axudas.

“Se hai vontade política, debería haber solución para este curso”, indicou, ao tempo que subliñou que, en caso contrario, “pode dar a sensación de que os que están comprometidos coa lingua teñen trabas para receber axudas que non teñen empresas ou medios de comunicación que atacan o galego e a quen se expresa en galego”.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad