Só o 7,6% dos concellos ten regulada a chegada de vertidos ás depuradoras

Medio Ambiente propón un novo modelo de xestión integral de 149 depuradoras de Galicia que garanta a universalidade do servizo e a homoxeneidade do custe para os usuarios.
Xornal.com - clásica Actualizado 17/06/2008 - 19:32 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I Santiago.- O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, avogou hoxe pola implantación dun modelo de xestión integral das 149 depuradoras de augas residuais de Galicia, que garanta a universalidade do servizo e a homoxeneidade do custe para os usuarios. Este modelo será froito do consenso acadado entre a consellería e os concellos, que, xunto coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), crearán unha comisión mixta que comezará a traballar na consecución deste modelo de xestión dende a vindeira semana. Como primeiro paso, celebrouse esta mañá en Santiago unha Xornada informativa sobre a Mellora da Xestión da Auga nos Concellos de Galicia, na que participaron 70 alcaldes e 25 edís de 95 concellos galegos, así como representantes de empresas concesionarias do servizo de augas municipais.

O acto estivo presidido polo conselleiro, Manuel Vázquez, e o presidente da Fegamp, Carlos Antonio Fernández, xunto ao director xeral de Augas de Galicia, José Luis Romero, quen analizaron a situación actual do sistema de depuración.

O responsable autonómico de Medio Ambiente incidiu en que calquera posición de solución pasa “polo consenso entre todos” e en que “hai que buscar unha resolución conxunta para afrontar as dificultades que estamos pasando”, refiríndose ao problemas que teñen os concellos á hora de afrontar os custes de mantemento das infraestruturas de depuración.

A proposta que presentada esta mañá en Santiago, e que terá que ser analizada pormenorizadamente coa Fegamp, debería entrar en vigor o 1 de xaneiro do ano 2010, sempre e cando se acade o consenso entre todos os axentes implicados, segundo afirmou Manuel Vázquez.

Respecto ao modelo futuro, Manuel Vázquez explicou que o obxectivo do Goberno galego é acadar unha xestión integral da auga independentemente do concello de que se trate e de quen sexa o explotador. Non se trata en ningún caso de asumir unha competencia que é municipal, senón de uniformizar os criterios de xestión e de recadación para conseguir un saneamento eficiente e sostible, que non supoña un maior custo medio para o veciño. Esta é a clave do problema, engadiu o conselleiro, “lograr un modelo sostible e eficiente da xestión da auga; un modelo que consiga o saneamento e depuración integral das augas residuais urbanas”.

Ante a disparidade de criterios que conviven actualmente en Galicia, o Goberno galego, conxuntamente coa Fegamp, propón un modelo universal, no que cada cidadán galego poida dispoñer deste servizo nas mesmas condicións e ao mesmo custo que os demais, independentemente do concello no que viva. Isto supón unificar a xestión, implantar un sistema tarifario uniforme e exercer un control único en todos os procesos.

Datos

Respecto á situación, actual, o responsable autonómico de Medio Ambiente incidiu na existencia de situacións moi heteroxéneas en canto á xestión do saneamento e a depuración.

Galicia conta actualmente con 149 edares de máis de 2.000 h-e repartidas en 148 concellos. Destas 149, 111 están operativas; 25 están en execución; 2 están licitadas, e outras 11 se licitarán nestes próximos meses. As novas forman parte do Plan posto en marcha polo actual Goberno galego para conseguir o saneamento integral dos núcleos de poboación de máis de 2.000 h-e e dar cumprimento á Directiva 91/271/CEE de tratamento de augas residuais urbanas. A este fin, a consellería destinou 286 millóns de euros.

O modelo actual que adoece, segundo explicou o conselleiro, dun requisito esencial: o control municipal dos vertidos. Dos 315 concellos de Galicia, tan só 24 (o 7,6%) contan cunha Ordenanza Municipal que regule os vertidos ás redes de sumidoiros. Para presentouse hoxe o avance dun borrador de Ordenanza Municipal de Vertidos que sirva como referente para todos os concellos.A súa finalidade é dobre: garantir o cumprimento das directivas comunitarias e demais normas estatais e unificar o contido e estrutura, tanto para as existentes como para as futuras ordenanzas.

No que respecta ao custo de explotación destas 149 edares, hai que dicir que é de algo máis de 39 millóns de euros anuais, pero cunha salvedade moi importante, que é a gran diferenza que existe entre elas, dependendo da súa dimensión. Así, o custe medio das máis pequenas practicamente triplica ao das máis gandes, e as medianas dobran tamén a estas últimas. Así pois, a disfunción é evidente, en detrimento dos concellos medianos e menores, que son a inmensa maioría.

Outra carencia semellante atopase no sistema de xestión, posto que entre as 149 edares hainas que están xestionadas polos propios concellos; outras polas empresas concesionarias, e, finalmente, 25 pola Administración Hidráulica de Galicia.

Tampouco hai un criterio común no sistema de tarifas, onde atopamos concellos que cobran taxa de depuración e outros que non a cobran. Dun total de 185 concellos enquisados pola Xunta, 109 si cobran taxa e 76 non a cobran. Nestes últimos figuran concellos que non teñen o servizo, ou ben xestionados pola administración hidráulica, pero tamén outros que non fan repercutir nos veciños o custo do servizo. Pola contra, nos concellos que si cobran taxa de depuración, existen tarifas moi dispares e pouco equivalentes co custo do servizo. Hai concellos que aplican unha tarifa individual de depuración; outros unha tarifa conxunta de depuración e sumidoiros, e, finalmente hai concellos que aplican unha tarifa fixa ou en función da auga consumida.



Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad