Política Territorial somete a información pública o plan “Vigo Íntegra”

O Plan contempla un investimento total de 2.000 millóns de euros para articular a maior área urbana de Galicia dun xeito global.
Xornal.com - clásica Actualizado 17/07/2008 - 12:41 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I Santiago.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de someter a información pública o Plan Viario Integral Área de Vigo, “Vigo Íntegra”, un documento de planificación e articulación territorial que contempla un investimento total de 2.000 millóns de euros destinados á mellora das infraestruturas de comunicación de Vigo e a súa área de influencia.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a CPTOPT somete a exposición pública por un período de dous meses tanto o Plan Viario como o seu Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA) co obxectivo de incorporar as propostas que contribúan a melloralo. Antes de elevalo de novo ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva, a CPTOPT deberá incorporar a memoria ambiental (emitida pola Consellería de Medio Ambiente) e o informe perceptivo da Dirección Xeral de Urbanismo. Finalmente, o Consello da Xunta aprobará de xeito definitivo o Plan e, se procede, acordará a súa declaración de utilidade pública ou interese social para os efectos expropiadores. Ese acordo final será publicado no Diario Oficial de Galicia. Cómpre recordar que o documento xa conta coa declaración de Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, aprobado no Consello da Xunta do 15 de maio de 2008.

O documento agora exposto pode consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Obras Públicas en Santiago, no Servizo Provincial de Estradas de Pontevedra, e nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Marín, Moaña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo e Vilaboa.

Planificación eficiente do territorio

“Vigo Íntegra” pretende dar resposta á necesidade de abordar as comunicacións nunha zona na que viven preto de 600.000 persoas dun xeito integral e racional dende o punto de vista social, económico e medioambiental. Vertébrase a principal área urbana de Galicia, mellorando a súa accesibilidade, a súa competitividade e a calidade de vida dos seus cidadáns, desterrando actuacións illadas ou localistas.

O Plan contempla a posta en marcha dun total de 70 proxectos, que implicarán actuar sobre 350 quilómetros de vías, distribuídas en tres grupos:

- Conexións de Vigo co seu contorno: Supoñen o maior investimento, con 1.200 millóns de euros. Entre as actuacións previstas destaca a construción de novas infraestruturas como a autovía A-57 Vigo-Pontevedra, a autovía do Morrazo, a autovía Vigo-Porriño, o incremento de capacidade da AP-9 incluída a ampliación da Ponte de Rande, unha nova conexión Vigo-Val Miñor e a conexión da Autovía das Rías Baixas (A-52) coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN).

- Actuacións urbanas en Vigo: Investiranse 390 millóns de euros na mellora das comunicacións no interior da cidade coa reordenación dos túneles existentes nas prazas de América e España e a construción de tres novos (Beiramar-Bouzas, Portanet-Castrelos-Antonio Palacios e Avda. de Castelao), a mellora e construción de novos accesos á Universidade, ao novo hospital e á ETEA, a humanización da avenida de Madrid e da AP-9 e a construción nas aforas de catro aparcamentos disuasorios.

- Actuacións na área de influencia: Prevé a inversión de 370 millóns. Na zona norte melloraranse as comunicacións coa futura autovía do Morrazo e a súa conexión coa variante de Marín, construiranse as circunvalacións de Cangas e Moaña e mellorarase a conexión de Vilaboa con Rande e a estrada que une Pazos de Borbén con Fornelos. No leste darase un tratamento máis urbano á A-55 ao seu paso por Mos e ampliarase a capacidade da autovía A-52 entre O Porriño e Ponteareas e prolongarase ata Portugal a conexión entre a A-52 e a PLISAN coa construción dunha nova ponte sobre o río Miño. No sur completaranse os enlaces da Autoestrada do Val Miñor, construiranse a Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda e variantes en Gondomar, Tomiño e Vincios, daráselle tratamento urbano á PO-325 Vigo-A Ramallosa e continuarase esa actuación coa creación de carrís bici A Ramallosa-Gondomar e Baiona-A Guarda.

A materialización de todos estes proxectos terá beneficios directos para os cidadáns xa que se desconxestionará o tráfico, se incrementará a seguridade viaria e se reducirán nun 35 por cento os tempos de desprazamentos actuais. Canto aos prazos, o horizonte do plan é o 2020, se ben cada actuación conta coas súas propias estimacións temporais xa que se atopan en diferentes fases de estudo ou proxecto.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad