Quintana marca o 2009 como o ano do estatuto de nación para Galicia

“Son galego-optimista porque creo no meu País e prevexo que o 25 de Xullo Santiago acollerá a manifestación do Día da Patria máis multitudinaria da historia”, di.

"Agora máis que nunca se impón abrir unha negociación bilateral co Estado para conseguirmos un modelo de financiamento autonómico axeitado", apunta.
Xornal.com - clásica Actualizado 19/07/2008 - 06:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I A Coruña.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, afirmou na Coruña que “agora máis que nunca se impón abrir unha negociación bilateral co Estado para conseguirmos un modelo de financiamento autonómico que dea resposta ás demandas da nosa sociedade e que permita ao Goberno galego oferecer servizos públicos de calidade e enfrentar con garantías de éxito a crise económica”.

Anxo Quintana pronunciouse nestes termos durante o acto que protagonizou na Coruña, na Praza das Conchiñas, un mítin que se enmarca na campaña Día da Patria Galega 08 e no que tamén interviñeron o primeiro tenente de Alcalde da cidade, Henrique Tello; así como a secretaria xeral e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Iria Aboi e Dani Carballada, respectivamente.

“Non o podemos fiar todo ao diálogo multilateral. Temos que negociar sen complexos de ti a ti co Estado. É a única forma en que este pode entender que a política de café para todos é negativa para Galiza”, indicou o portavoz nacional. “Nacionalismo é sinónimo de igualdade. Pero a igualdade ten que ser no ponto de chegada, non de partida. A xeneralización dun único modelo de financiamento para todas as comunidades autónomas non é traballar a favor da igualdade. É traballar para perpetuar os desequilibrios. É traballar para manter a ficción de que o Estado financia as comunidades autónomas cando os datos disponíbeis indican xusto o contrario”, alegou. O líder nacionalista lembrou que o Estado recada en Galiza 11.000 millóns de euros e que só deixa aquí 7.000. “Dito doutro xeito, temos capacidade máis que de abondo para termos un sistema de financiamento que non nos faga dependentes de nengún fundo de suficiencia. A proposta presentada onte por Solbes non é satisfactoria porque nos aboca a continuar dependendo dese fundo”, aduciu.

A unidade das forzas políticas galegas

“Agora máis que nunca, relación bilateral. E agora máis que nunca, Estatuto de Nación”, resumiu Quintana na súa intervención. “O BNG está a traballar duro para lograr a unidade das forzas políticas galegas e para conseguir que 2009 sexa o ano do Novo Estatuto de Nación para Galiza. É evidente que se Catalunya está a condicionar o actual debate sobre o financiamento é porque xa se ten dotado dun Novo Estatuto. Agora chegou o momento de Galiza. Chegou o momento de facer valer a nosa condición de nación ao mesmo nível que Catalunya e Euskadi”, engadiu.

“A política de vetos debe pasar á historia en Galiza e debe ser substituida pola política da concertación nacional. Iso é o que agarda a sociedade de nós. Ninguén entendería que en 2009 alguén se mantivese en posicións de obstrución e de inmobilismo. Sería desde logo moi pouco patriótico facelo”, razonou.

Galego-optimismo

Quintana se reclamou do galego-optimismo. “Ser nacionalista e ser galego-optimista, ter confianza na túa propia sociedade, son a mesma cousa. Non por casualidade eliximos o lema de Cremos no Noso País para este Día da Patria Galega 08. Vexo a sociedade galega en forma. Unha sociedade dinámica e viva. Unha sociedade chea de enerxía e con arelas de conquistar o futuro. Prevexo que o 25 de Xullo viviremos a manifestación máis multitudinaria de cantas se teñen celebrado desde 1977 nas rúas de Santiago de Compostela”, acrecentou.

“Ese alento na rúa é fundamental para que o movimento nacionalista continúe conquistando a novos sectores sociais e para que, e isto é o máis
importante, o País enfrente con máis forza a negociación bilateral co Estado”, concluíu.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad