XORNAL.COM I Santiago.- O portavoz do grupo parlamentar do
BNG en materia lingüística, Bieito Lobeira, vén de presentar unha proposición non de lei nacionalista na que se insta a incorporar de maneira efectiva a lingua galega ao sistema sanitario para mellorar a calidade da atención ao paciente. Asi, tal e como explicou o deputado, non se trata dunha cuestión simbólica, senón da calidade do sistema e do dereito dos pacientes a se expresaren na súa lingua.
Lobeira explicou que o grupo de idade que acude de xeito máis frecuente ao médico, os maiores de 65 anos utilizan o galego sempre ou habitualmente no 91% dos casos e, malia isto, o que se atopan nun hospital é un submundo artificial do que o seu idioma está excluído.
O portavoz de Lingua mencionou os manuais deontolóxicos médicos nos que se indica a necesidade de basear a atención nun trato personalizado, polo que insistíu na importancia de que o enfermo se poida expresar na súa lingua porque receberá un mellor trato se é atendido no seu idioma, se é quen de expresarse en liberdade e receber a correspondente atención terapéutica en galego.
Logopedia da fala en galego
Bieito Lobeira mencionou casos variados nos que se vulneran os dereitos lingüísticos dos pacientes na sanidade, e sobre os que existen queixas dos cidadáns, desde a imposibilidade de seren atendidos en galego alguns pacientes en centros como os hospitais de Santiago, de Vigo ou Lugo, até a reclamación por parte de algúns profesionais a outros médicos de non lles presentar nada por escrito na nosa lingua.
Outro dos exemplos exposto polo parlamentar nacionalista é o caso das persoas que teñen que recorrer a logopedia da fala e son atendidos por un profesional que utiliza como idioma base o español cando o idioma do paciente é o galego.
Para paliar esta situación, o
BNG propón unha serie de medidas para facer o sistema máis eficaz, máis cercano e máis democrático, tal e como explicou o deputado.
Contido da PNL
A primeira delas pasa pola elaboración dunha normativa que garanta os dereitos lingüísticos dos usuarios e usuarias e as obrigas do persoal sanitario, ademais de estabelecer cláusulas para o uso do galego nos contratos que suscreba o Sergas con entidades privadas.
A pnl pede tamén a posta en marcha dunha campaña de explicación social para os usuarios, asi como a planificación de accións que garantan a incorporación da lingua galega ás aulas das Faculdades de Medicina e Farmacia nas que, tal e como apuntou Lobeira, o galego está residualizado.
O
BNG solicita a inclusión da materia de coñecemento da lingua galega como proba de carácter eliminatorio nas futuras Ofertas Públicas de Emprego, con contidos que garantan o dominio oral e escrito da lingua.
A posta en marcha dun Plano de Formación Lingüística dirixido aos profesionais non galegos inseridos no noso sistema sanitario, para garantir a súa competencia lingüística e evitar casos como os que se veñen repetindo nos que os pacientes son obrigados a expresarse en castelán.
A iniciativa insta a fixar garantías de que todas as aplicacións informáticas, sinaléctica, circulares, receitas, etc... sexan realizadas en galego e de que os programas de logopedia da fala se adapren ao idioma de uso habitual do paciente.
Tamén se trata na proposición non de lei o eido das Farmacias, coa petición do estabelecemento de programas coa industria para posibilitar que prospectos e cartonaxe vendidos na Galiza inclúan versión en galego e campañas para que esta lingua sexa utilizada nas boticas.
Lobeira lanzou unha mensaxe aos que proclaman que o español está marxinado, para lles dicir que a única lingua marxinada na Galiza é o galego.