XORNAL.COM I Santiago.- O Diario Oficial de Galicia publicou onte as bases da convocatoria das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables en Galicia correspondentes ao presente ano 2008. A Consellería de Innovación e Industria destina máis de 15 millóns de euros a orzar as liñas de axuda, que son tramitadas integramente polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e foron convocadas nunha única resolución a través do DOG.
Aforro e eficiencia enerxética
O programa de aforro e eficiencia enerxética da Consellería de Innovación para 2008 pretende ampliar as subvencións tanto en número de beneficiarios coma no obxecto das axudas. A contía neste concepto varía entre porcentaxes do 10% e do 75% do importe total do investimento e, igual que o ano pasado, procúrase que a tramitación das axudas sexa o máis áxil posible, para o que se dispón da opción de tramitalas por medio da web do INEGA.
Con 9,8 millóns de euros, Innovación e Industria apoiará proxectos de aforro e eficiencia e auditorías enerxéticas en industrias localizadas en Galicia, así como en empresas do sector servizos; plans de mobilidade urbana sostíbel en concellos e plans de transporte para empresas en centros de traballo. No referido á edificación, poderán recibir subvención persoas e empresas que desenvolvan proxectos de rehabilitación envolvente térmica, de mellora de instalacións térmicas e do alumeado interior das súas vivendas e instalacións así como novas instalacións térmicas de alta eficiencia.
Tamén dentro do programa de aforro e eficiencia, contémplanse axudas para proxectos de coxeración, neste caso para auditorías, estudos de viabilidade e proxectos de coxeración non industrial en empresas do sector servizos. Pola súa parte, os concellos poderán conseguir apoios de ata o 40% para proxectos de renovación do alumeado público e para novas instalacións que sigan criterios de eficiencia enerxética.
Enerxías renovables
O outro grupo de axudas é o que ten por obxecto as enerxías renovables. A dotación presupostaria que presenta o pulo á solar, á biomasa e ás outras renovables chega este ano a 5,35 millóns de euros. Os maiores importes dentro destas axudas son os destinados á implantación de solar térmica (2,2 millóns de euros) e a biomasa (2,49 millóns).
A solar térmica contará con axudas para a súa instalación nos casos nos que non sexa de execución obrigada por mor do novo Código Técnico da Edificación. Tanto as administracións públicas coma os particulares e empresas acadarán un 35% de axuda do investimento neste tipo de instalacións. No caso da enerxía solar fotovoltaica, subvencionaranse ata un 15% dos proxectos cando se contemple a súa conexión á rede, e de ata o 40% cando sexan instalacións illadas. Para outro tipo de renovables, como aeroxeradores de baixa potencia para autoconsumo ou microturbinas, a subvención tamén pode chegar ao 40% de axuda cun límite máximo de 10.000 euros.
As caldeiras de biomasa, pola súa banda, contarán co 30% de axuda, ben sexan para uso doméstico, agrario ou industrial. En canto á xeración de calor e electricidade mediante procesos de gasificación de biogás, a axuda será do 15% cun máximo de 120.000 euros por proxecto, sempre e cando a potencia sexa inferior a 500 kw.
Os dous grupos de axudas convocados hoxe, presentados xa polo conselleiro de Innovación e Industria,
Fernando Blanco, redundarán nun maior emprego das enerxías renovables e nun maior aforro e eficiencia enerxética, obxectivos encadrados no Plan Enerxético 2007-2012 elaborado pola Consellería, dentro da Estratexia Energos. Consonte os obxectivos desta estratexia, as liñas de axuda de aforro, eficiencia e renovables contribuirán a conseguir que o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galicia proveña de fontes renovables, reducíndose do 3% ao 2% a taxa de incremento da demanda do noso país.