XORNAL.COM I Santiago.- O portavoz parlamentar do
BNG,
Carlos Aymerich, amosou hoxe a súa satisfacción polo debate en pleno da proposición non de lei elaborada conxuntamente polas tres forzas políticas e impulsada polo
BNG para crear unha subcomisión de seguimento das infraestruturas no noso país e vixiar o cumprimento dos prazos comprometidos na alta velocidade.
O parlamentar do
BNG amosou a súa esperanza de que sexamos quen de cambiar os furores partidarios e poñamos os intereses de Galiza por diante, ao tempo que lembrou que existen precedentes de acordos unánimes en temas de país, como a reforma do voto emigrante, a política lingüística ou o financiamento xusto que necesita este país.
Aymerich lamentou que neste casos, non sempre se vira esta vontade seguida de actuacións coherentes por parte dos grupos e excusou este tipo de actitudes dos grupos popular e socialista porque ao
BNG resúltalle máis fácil defender os intereses de Galiza por non sermos sucursais, non temos que dar conta a ninguén.
O acordo que imo facer efectivo ten un mérito especial, salientou o deputado, ao tempo que lembraba os avatares do proceso negociador para acadar unha postura que reclamase unha subcomisión de seguimento no marco da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galiza no prazo de tres meses.
Unanimidade para vencer resistencias
Necesitamos este voto unánime porque hai que vencer resistencias, afirmou Aymerich, e lembrou que a ministra resístese a levar adiante esta iniciativa e Elena Salgado negouse a convocar a Comisión Bilateral, malia estar obrigada por lei a facelo. Cómpre, continuou, vencer esas resistencias para que a voz do Parlamento Galego se escoite alta e clara.
Por iso, solicitou a todos e todas que sexan moi conscientes do que imos aprobar e cada termo ten que ser cumprido porque nada está aqui por acaso, dixo Aymerich, ao tempo que lembraba un por un os termos do acordo.
Queremos que os compromisos se cumpran á marxe de que o presidente da
Xunta se reúna co presidente do goberno do estado ou coa Ministra de Fomento, afirmou, e para iso ten que constituírse unha subcomisión que avaliará a execución das obras, presidida polas responsábeis dos departamentos de Fomento de ambas as dúas Administracións.
Lembrou tamnén Aymerich os prazos e tramos fixados no texto: inicio das obras Ferrol-A Coruña e Vigo-fronteira con Portugal en 2009, inicio das obras Zamora-Lubián-Ourense en 2009, inicio inmediato das obras no tramo de Serrabal.