XORNAL.COM I Vigo.- Esta mañá presentouse na sede da Fundación
Caixa Galicia en Vigo a exposición Frías, fráxiles, dormentes, a primeira actividade do festival internacional de fotografía PHotoGalicia2008.
A mostra, que se inaugurará esta tarde, ás 20.00 horas, cunha visita guiada aberta ao público, recolle o traballo máis recente da artista Victoria Diehl (A Coruña, 1978), un dos valores máis frescos e sólidos da fotografía contemporánea española.
Acompañada por Luis Posada, coordinador xeral de PHotoGalicia, e por
Yolanda Díaz, da Fundación
Caixa Galicia, a artista presentou en rolda de prensa as claves dunha proposta que reúne as súas obras máis significativas.
Victoria Diehl enfronta nestas pezas (que se poderán ver na Fundación
Caixa Galicia ata o vindeiro 2 de febreiro) as posibilidades creativas das novas técnicas dixitais coa estética e a mitoloxía da escultura clásica.
Forman parte da mostra imaxes das series Cuerpos vulnerables (2007), Vida y muerte de las estatuas (2003-2004) e Vanitas (2005), que deixan patentes as intencións e influencias da artista, que actualmente reside e traballa en Madrid.
Nos seus primeiros traballos, con lixeiros toques de cor e co encadre sempre adecuado, a pedra vive un proceso de resurrección e restauración para reencarnarse en ser vivo.
Na súa produción máis recente, no entanto, reprodúcese o proceso inverso: os corpos reais convértense en pedra, nun proceso de perda de cor e vida que greta a pel e cuartea a superficie.
Rosa Olivares, directora de EXIT e unha das máis destacadas expertas en fotografía contemporánea, aseguraba no libro 100 Fotógrafos españoles (EXIT Publicaciones, Madrid, 2005) que unindo as novas técnicas dixitais e os máis vellos mitos, esta nova artista dá corpo a un dos traballos máis románticos da fotografía española actual.
Por outra parte, Antón Castro, director do Instituto Cervantes de Milán, aseguraba no catálogo da exposición Dalla Carne a la Pietra (Instituto Cervantes de Milán, 2007) que a obra de Victoria Diehl sitúa ao espectador fronte a unha linguaxe que funde, nunha sorprendente colaxe de orde visual e conceptual, aquelas ideas de representación que nos remiten, sen fisuras, á pintura e á escultura, no punto de encontro da súa conxelación apropiacionista: a fotografía.
Encontros con escolares
Para completar a programación de PHotoGalicia en Vigo, a Fundación
Caixa Galicia invitará aos estudantes dos institutos de educación secundaria da cidade a encontrarse coa autora, unha oportunidade para conversar coa artista sobre o seu proceso creativo e o seu resultado.
Por último, a Fundación
Caixa Galicia acollerá diferentes obradoiros de fotografía destinados especificamente a grupos escolares. A través de diferentes exercicios prácticos, os participantes experimentarán cos principais compoñentes da imaxe fotográfica para descubrir o seu propio talento e aprender as técnicas básicas.