XORNAL.COM I Barcelona.- O escritor e membro correspondente da Real Academia Galega Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) faleceu nun hospital de Barcelona onde levaba ingresado desde o 23 de setembro. Ramiro Fonte enterrase este luns as 17 horas en Pontedeume, coa asistencia do minstro de Cultura, o socialista galego
César Antonio Molina.
Ramiro Fonte, que tamén era director do Instituto Cervantes de Lisboa -nomeono o coruñés Molina-, foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo Fondo en 1977 e publicou unha ducia de volumes de poesía, cos que obtivo numerosos premios, entre eles o Esquío, o da Crítica de Galicia, o Premio Losada Diéguez de creación, o Premio da Crítica española ou o Miguel González Garcés.
Tamén é autor de oito novelas, entre elas A ponte nos ollos (2007), conclusión da triloxía Vidas de infancia. Con As pontes no ceo péchase de feito a monumental triloxía Vidas de infancia que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, o autor arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdu-rar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria.
Fonte, licenciado en Filosofía e Letras, foi profesor de Lingua e Literatura Galegas. Membro correspondente da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (
Xerais 1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (
Xerais 1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (
Xerais 1999); e A rocha dos proscritos (2001, e
Xerais, 2005, edición na que inclúe o libro O pasaxeiro inmóbil). A súa obra poética foi antologada na obra Ámbito dos pasos (1997). Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996). Como narrador deuse a coñececer en 1986 co relato O retornado, Premio Pedrón de Ouro, ó que seguiron, Catro novelas sentimentais (
Xerais 1988); As regras do xogo (1990); Aves de paso (
Xerais 1990); Iluminacións danubianas, relato incluído no volume Caderno de viaxe (
Xerais 1989); Razóns para matar a Martíns, incluído no volume O relato breve. Escolma dunha década (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas Vidas de infan-cia formada por Os meus ollos (
Xerais 2003), Os ollos da ponte (
Xerais 2004) e A ponte nos ollos (
Xerais 2007).
O director xeral de Edicións
Xerais de Galicia,
Manuel Bragado, lembra no seu blog o papel de Ramiro Fonte na poesía galega: "A noticia prodúcenos enorme desolación. Abandonounos un amigo de lealtade inquebrantable e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos. A cerimonia do seu pasamento celebrarase en Pontedeume. Con todos os nosos abrazos para Elsa".