XORNAL.COM I A Coruña.- O Parlamento volve a debater sobre o galego e o Plan de Normalización Lingüística da comunidade. A iniciativa partiu do
BNG, que se ben estaba encantado coa resolución que tódolos grupos políticos adoptaron en apoio do citado plan (aprobado en 2004 por unanimidade durante o goberno do popular
Manuel Fraga), deixou de estalo tan só un día despois, cando o líder do
PPdeG,
Alberto Núñez Feijóo, pareceu retractarse desa resolución e volveu manifestarse contra o decreto que desenrola ese plan de normalización na educación.
Por iso o deputado Bieito Lobeira quere que os populares aclaren no Parlamento cal é realmente esa postura, e aproveitará o debate para asegurar o galego como único idioma propio de Galicia, que é o que entende que di o Estatuto de Galicia. Tamén pide garantía de que "polo menos o 50% do ensino estará en Galego, como recolle o Plan auspiciado polo propio
Partido Popular hai catro anos. Así mesmo, reclama aumentar a presenza nos medios de comunicación de masas, potenciar o seu uso na área sanitaria, relixiosa e de acción social, incorporar a poboación inmigrante á lingua e apoiar o uso e promoción do idioma nas áreas fóra da comunidade nas que se fala a lingua galega, como son o Bierzo ou algúns concellos de Estremadura.
O debate non só está no Parlamento, senón tamén nas rúas, aínda que de xeito mais reducido do que puidera pensarse. De feito, a pasada fin de semana celebrouse en A Coruña unha manifestación convocada polo colectivo Mesa por la Libertad Lingüística, teoricamente a prol da liberdade de escolla da lingua, aínda que máis ben parecía apoiar o predominio do castelán sobre o galego. Incluso a responsable do servizo de normalización lingüística do
Concello de A Coruña quedou escandalizada por algúns dos slogans que se chegaron a corear nesta xuntanza. En calquera caso, a manifestación rexistrou unha asistencia moi escasa, e mesmo tivo a súa resposta en forma de contramanifestación satírica por parte de colectivos como "Sei que figestes..." ou "Tan gallego como el gazpacho", que se reuniron disfrazados con motivos tópicos españois en torno a unha pancarta irónica formada por unha bandeira de España co lema "En Galicia en castellano".
Xa en ámbitos algo máis académicos, o debate sobre o galego non está tanto no seu uso como na súa evolución. Neste caso destaca a aportación do destacado membro do
BNG Francisco Rodríguez, que nun artigo publicado en
Xornal.com aposta por considerar o galego e o portugués o mesmo idioma.
"Necesitamos que o mundo administrativo, académico, social, económico e institucional avancen na práctica na dirección de asumir, con todas as cautelas e matices que se queiran, que o galego e o portugués son o mesmo idioma", propón o dirixente nacionalista.
De feito, os nacionalistas xa usaran o portugués como recurso para falar nun idioma máis próximo ao galego no Parlamento Europeo, onde o galego como tal non é recoñecido como lingua oficial. Camilo Nogeira abriu daquela este camiño, que agora volve a cobrar actualidade coas declaracións de
Francisco Rodríguez.