A Xunta aproba un plan de formación de 10 millóns para o sector do automóbil

Touriño lamenta a actitude do PPdeG de "colocarse á contra de todo".
Xornal.com - clásica Actualizado 27/11/2008 - 18:29 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
XORNAL.COM I Santiago.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio marco para a posta en marcha de plans de formación no sector da automoción, decididos a pasada semana polo Goberno, e que suporán un investimento de dez millóns de euros e dunha contía máxima por convenio de 400.000 euros, destinado a aquelas empresas que sufran unha parada obrigada da súa produción para que impartan, durante este período de paro, formación especializada aos traballadores.

É, segundo relatou Pérez Touriño, “unha medida innovadora, pioneira, que vai na dirección do que onte aprobaba e presentaba como plan a Comisión Europea”. “Ao final, a UE plantexa un paquete de orientación política e de medidas que xustamente coinciden coas que vén tomando a Xunta de Galicia aínda que algúns non vexan máis que elementos para a crítica”, aseverou o máximo mandatario galego referíndose ao PPdeG.

Así mesmo, o máximo mandatario autonómico tamén destacou que as medidas postas en marcha polo Goberno que preside se anticipan e son acordes coas que recollerá o futuro Plan integral do automóbil, que se presentará no vindeiro mes de xaneiro.

Segundo indicou Pérez Touriño, o plan recollerá aspectos no terreo sociolaboral, eido no que “a Xunta de Galicia é a primeira que se anticipa en España a tomar esas medidas, que xustamente configura agora nun marco máis amplo a Unión Europea, co Fondo social europeo, a formación e a empregabilidade”; medidas de apoio financeiro ás empresas –nas que a Xunta “se volve anticipar sendo a primeira comunidade e o primeiro Goberno de España que toma medidas utilizando créditos ICO e que agora Europa utiliza créditos BEI para financiar directamente a pequenas e medianas empresas para que lle chegue o capital circulante e liquidez”, explicou Touriño-; e medidas no ámbito tecnolóxico, no I+D e no cambio de modelo, para gañar en competitividade e produtividade. “E aí –engadiu o titular da Xunta-, entran proxectos de medio alcance como a fabricación do vehículo eléctrico”. “Ese é o futuro, a perspectiva”, aseverou rexeitando as críticas que se produciron neste sentido e lembrando que a propia Unión Europea confirma no seu plan “xustamente ese proxecto”.

Medidas globais e respostas coordinadas

O presidente Xunta insistiu en que estamos ante a primeira “gran crise económica global” e por iso precisa de respostas globais e coordinadas.

“A tese que impulso desde o primeiro momento e que creo que comparten todos os dirixentes políticos, no ámbito europeo e mundial, é que as medidas teñen que ser globais, coordinadas, concertadas; que son compatibles as respostas no ámbito rexional, autonómico, local, pero hai que concertar e integrar esas medidas na mesma dirección para gañar en potencia e en intensidade” fronte a crise, aseverou Touriño.

“Estamos entre todos, os que estamos en disposición de traballar e remar na mesma dirección, e aí temos que estar todos, é fundamental que esteamos todos, buscando solucións e non creando problemas”, engadiu o máximo mandatario galego ao respecto aseverando que “queremos formar parte da solución e nunca do problema”. “Esa é a vocación do país e debe ser a vocación e o compromiso de todos”, sinalou.

Emilio Pérez Touriño lembrou que non hai “variñas máxicas” senón que o único camiño, “o que estamos tomando desde o primeiro día, é buscando respostas, solucións, anticipando, coordinando e tratando de salvar o túnel da crise”.

Fronte a isto, contrapuxo a actitude do Partido Popular e dixo que é difícil entender a súa actitude de “colocarse á contra de todo”. “Non se poden facer trampas no solitario”, indicou Touriño lembrando que o PPdeG pregunta polo mal que vai a situación e non polas solucións que se poñen enriba da mesa. “O que é evidente é que se pasa a formar parte do problema e non formar parte da solución”, engadiu subliñando que hai “quen escolle formar parte do problema e non formar parte da solución”, en relación ao responsable do PPdeG.

A este respecto, o presidente da Xunta fixo un chamamento á oposición para “cambiar de actitude e abandonar a posición fácil de reiterar cada día que a economía marcha mal” e “poñerse ao lado do traballo, da solución, do mesmo lado”.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad