MIGUEL PARDO
XORNAL.COM I A Coruña.- Pouco importan as queixas dos concellos. As multinacionais biotecnolóxicas encargadas dos ensaios con millo modificado xeneticamente en Galicia non cambiarán os seus plans nos municipios nos que levan a cabo os seus experimentos, malia que algúns deles se declararon nos últimos meses Zonas Libres de Transxénicos (ZLT).
Pioneer e Monsanto, as dúas empresas que cultivan maínzo trans-xénico en nove concellos galegos, advirten de que é ilegal declararse libre destas plantacións e ameazan con continuar cos seus proxectos cando lles pete, xa que as autoridades locais non teñen competencia neste asunto. As multinacionais lembran que en todo o Estado é o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño o que autoriza os ensaios e a lexislación da Unión Europea a que define o seu marco legal. Nin a
Xunta nin os concellos teñen competencias.
As devanditas empresas biotecnolóxicas realizan ensaios cun tipo de maínzo transxénico (Nk603 e Mon810) en nove concellos galegos. Arteixo, Mesía, Touro, Ribeira, Chantada, Vilalba, Castro de Rei, Val do Dubra e Lalín son os municipios nos que o Estado autorizou a realización de ensaios, sen que as corporacións municipais sexan informadas nin dos proxectos nin da situación dos cultivos. Todo, malia o rexeitamento claro dalgúns municipios a estas plantacións.
De feito, de entre os nove concellos nos que se ensaia con millo modificado, tres xa se declararon libres de transxénicos. Lalín, Val doDubra e Chantada, que acollen ou acolleron plantacións transxénicas nos últimos anos, amosaron a súa oposición con senllas mocións aprobadas por unanimidade nos municipios. A medida sen validez legal, lembran tampouco serve para amedrentar as multinacionais, conscientes de que lles ampara a legalidade.
Lalín, primeiro concello galego en declararse ZLT, foi claro na súa moción, na que pedía á
Xunta e ao Goberno central que declarase de forma inminente o municipio como Zona Libre de Transxénicos.
No entanto, o Executivo español é claro ao respecto e lembra, a través do Ministerio de Ambiente, que un concello non se pode declarar libre de organismos modificados xeneticamente, nin prohibir o cultivo de variedades autorizadas, nin impedir a realización de ensaios. Non entra dentro das súas competencias, asegura.
As multinacionais van máis aló. Pioneer, en declaracións a este diario a través dun voceiro, recorda tamén que a declaración de ZLT non ten validez legal ningunha, nin efecto práctico. Estes concellos tan só perseguen un lamentable obxectivo mediático, xa que supón un paso en dirección á desinformación da sociedade e ao atraso tecnolóxico dos agricultores europeos, insisten.
Anove (Asociación Nacional de Obtentores Vexetais), e que representa a toda a industria biotecnolóxica que opera en España, advirte de que é ilegal declararse libre de transxénicos. Segundo din, atenta contra os dereitos dos propios labregos, que se atoparían co paradoxo de que se lles nega o dereito a escoller libremente as variedades que queiran cultivar.
Así e todo, e a pesar da invalidez legal das mocións de ZLT, foron varios os concellos que se sumaron á iniciativa do Concello de Lalín, que xa reclamaba na súa proposta a adhesión do maior número de municipios galegos co obxectivo de facer forza para demandar do Gob erno autonómico e central que Galicia quede liberada deste tipo de cultivos experimentais.
Val do Dubra e Chantada, obxectivos de Pioneer e Monsanto para os seus ensaios, uníronse á lista, pero tamén Silleda, O Irixo, Ames, Negreira, Riotorto e Verín. En total, nove concellos galegos unidos nunha rede que inclúe a centos de municipios do resto de España, catro comunidades autónomas (Asturias, Baleares, Canarias e Euskadi), algunha autoridade provincial (Deputación de Málaga e Xuntas
Xerais de Biscaia e Álava) e máis de 170 rexións europeas.
O obxectivo, amosar hostilidade a uns cultivos que continúan agromando en boa parte de España, líder en plantación de millo transxénico na Unión Europea, con 80.000 hectáreas anuais.
Queremos máis información
Malia recoñecer a dificultade para impedir os ensaios transxénicos no seu territorio, os concellos declarados libres destas plantacións cren que as súas mocións son simbólicas á vez que reivindicativas. O obxectivo é informar á sociedade e ao noso pobo da falta de transparencia e dos riscos e posíbeis perigos destes cultivos, asegura Federico Gutiérrez, alcalde de Riotorto.
Gustaríame que a
Xunta fixera máis; se non temos competencias en Galicia, polo menos deberiamos intentar sensibilizar e informar á poboación, insiste.
En Ames, pola súa banda, a moción aprobada por unanimidade no concello insitiu tamén en facilitar información e coñecemento á xente, pero foi máis aló, ao impedir nos comedores escolares do municipio calquera alimento que non asegure que non contén ingredientes a partir de produtos modificados xeneticamente. Todos eles, baseados na Guía Roja y Verde de Alimentos Transgénicos, editada por Greenpeace.
Os concellos declarados Zonas Libres de Transxénicos pretenden espallar as súas mocións, minoritarias de momento, polo resto de Galicia, ademais de conseguir que o propio país sexa incluído tamén na rede europea contraria aos cultivos modificados xeneticamente.
Alcaldes do PP, como os de Lalín, Verín, O Irixo ou Val do Dubra; do
PSdeG, como os de Chantada, Negreira, Ames ou Silleda; ou do
BNG, como Riotorto, coincidiron nunha declaración que non consensuaron, no entanto, os mesmos tres partidos no Parlamento.