Axencias /
XORNAL.COM I A Coruña.- Os traballadores coruñeses da teleoperadora Atento retomaron onte as moblilizacións e cortaron o tráfico durante media hora ante a sede da empresa na cidade herculina. Según a policía local, ao redor de sesenta persoas imopediron o tránsito de vehículos ás 19.00 horas, o que provocou retencións importantes durante media hora na rúa Juan Florez e na avenida de Arteixo. O mesmo lugar fora escenario ás dúas da tarde dunha concentración que se desenrolou sen incidentes.
As protestas produxéronse despois de que a compañía confirmase ao comité de empresa o despedimento de 84 traballadores e o traslado a León doutros 27. Segundo o voceiro da CIG, Óscar Calvo, os representantes dos empregados recibiron antonte unha notificación na que se lles informaba de que a central de Madrid decidira seguir adiante coa decisión prevista para este domingo a pesares de que está contenta co centro e funciona ben.
A sinatura comprometérase co comité de empresa o pasado venres a estudar a posibilidade de que, como o vindeiro ano vai ser necesaria a contratación de máis persoal, foran recolocados neses postos os traballadores aos que se pretendía despedir. Unha opción que, finalmente, a empresa decidiu desestimar. No escrito parece que se dá un paso atrás porque, en palabras de Calvo, agora xa non se di nada do compromiso de recolocar 25 traballadores despedidos do servizo 11822 de
Telefónica, nin a frear os traslados a León dalgúns deles, como se lles prometera.
O comité de empresa e os traballadores retomarán hoxe as negociacións. Aínda así, está prevista outra concentración ante a sede de Atento ás 20 horas. Se a empresa segue nos mesmos termos as protestas "endureceranse e continuarán", afirmou Óscar Calvo.