A. LOSADA /
XORNAL.COM IA Coruña.- O Sistema Universitario de Galicia, (SUG) contratou como persoal indefinido a 59 investigadores este curso, provenientes dos programas de estabilización de doutores do Ministerio de Ciencia Ramón e Cajal e da Dirección Xeral de I+D+i da
Xunta Parga Pondal. Segundo explicou a conselleria de Educación,
Laura Sánchez Piñón, 22 destes novos contratados están na Coruña, 26 en Vigo e 11 en Lugo, e son persoas de 38 ou 40 anos, cunha probada traxectoria investigadora. Outros 130, con contrato temporal, agardan a ser incorporados nos vindeiros tres anos.
Porén, no curso 2007/2008 o actual aínda non ten pechada de todo a matrícula 2.616 alumnos acabados de licenciar matrícularonse no doutoramento, o primeiro paso para chegar a ser investigadores. Son 1.637 en Santiago, 609 en Vigo e 370 na Coruña, a maioría de entre 23 e 25 anos, segundo os datos oficiais das tres universidades. Entre unha fase e outra pasan uns 15 anos e distintas bolsas e contratos.
A carreira de obstáculos
Sánchez Piñón asegura que o sistema está a funcionar, porque as contratacións dos Ramón e Cajal e Parga Pondal son constantes no tempo, e les amosan aos investigadores que teñen un futuro nas universidades galegas. Certamente, non se poder facer unha comparativa directa entre os que empezan e os que se consolidan, xa que a propia dificultade da carreira do I+D fai que moitos abandonen voluntariamente, mentres que outros optan por irse aos hospitais, centros públicos como o CIS, á empresa privada ou ao estranxeiro.
Pero segundo a Federación de Jóvenes Investigadores-Precarios (FJI), o sistema público non contribúe a facer máis doada a formación de investigadores, senón que a converte nunha carreira de obstáculos. Jorge Pérez, investigador en Bioloxía na Universidade de Santiago e representante de FJI en Galicia, sinala as complicacións do proceso. O primeiro paso é facer os cursos de doutoramento, para obter o Diploma de Estudos Avanzados, unha etapa que depende da
Consellería de Educación, e para a que se ofrecen 120 bolsas por ano, duns 600 euros ao mes. Chega despois o momento de traballar na tese, para o que dispoñen dos contratos María Barbeito, da Consellería de Innovación, ou os de Formación do Profesorado Universitario (FPU) e Formación de Persoal Investigador (FPI), do Ministerio de Ciencia. Son duns 1.200 euros ao mes, permiten cotizar, e duran dous anos.
Quen presenta a tese é por fin un doutor e ten varias opcións. Unhas das mellores salarialmente (2.000 euros ao mes) son os contratos Ángeles Alvariño, da
Xunta, que duran tres anos, e esixen unha estancia no estranxeiro.
Na cima das axudas públicas están os mencionados contratos Ramón e Cajal e Parga Pondal, de cinco anos e uns 2.800 euros ao mes, pensados para recuperar aos investigadores que emigraron.
Talvez o maior problema de todo este proceso, é que as convocatorias non estan coordinadas e pasa moito tempo entre elas. Se un obtén o DEA en xuño, non pode pedir unha María Barbeito ata agosto, e seguramente cobrará en novembro o primeiro pago, asegura Pérez.