XORNAL.COM I A Coruña.- A xestión das Illas Atlánticas estará debidamente regulamentada en febreiro de 2009. Na lei de xullo de 2002 pola que foron declaradas parque nacional apuntábase que o Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX), imprescindible para regular a actividade do parque, estaría elaborado no prazo dun ano. A normativa das illas, con 41 especies invasoras e carencias ambientais, tal e como denunciou
Xornal de Galicia, chegaría así con máis de cinco anos de retraso. O seu director, José Antonio Fernández Bouzas, confirmoulle onte a este xornal que o plan estará completo, e na Consellería, en menos de mes e medio, e sairá a exposición pública.
Fernández Bouzas recoñece que é consciente dos problemas que hai nas illas. Todos queremos que isto se normalice, pero as circunstancias obrigaron a que o PRUX se retrasase, argumenta. Entre os motivos da demora, o conservador do parque apunta a catástrofe do Prestige, en 2002, ou a integración posterior das illas de Cortegada e Sálvora ao parque. Ademais, xustifica que o plan tivo que ser modificado dúas veces pola aprobación da nova lei de Parques Nacionais, a lei orgánica de patrimonio natural de 2007 ou a de conservación deste ano.
Non estivemos parados, insiste o encargado de dirixir a conservación das Illas Atlánticas. Estamos a preparar todo o tema das transferencias as competencias son do goberno autonómico dende xullo e o 1 de xaneiro xa temos presuposto aprobado coa
Xunta. É un plan que non se vai cambiar en moito tempo. Cortar e pegar é moi sinxelo, pero isto é unha cousa seria, sinala.
O pasado 11 de decembro, Medio Ambiente cumpliu o trámite do traspaso de transferencias do parque por parte do Ministerio, coa creación do posto propio de director. Deste xeito, Fernández Bouzas, antes dependente do Estado, pasa a estar integrado directamente na Consellería. Así será todo máis doado e a administración está máis cercana. É un paso adiante, valora. Ademais, lembra que o paso previo á presentación do plan xestor, o documento para a evaluación ambiental estratéxica, xa se fixo público na web da
Xunta e estivo aberto á presentación de alegacións e suxerencias.
No que se refire á problemática actual das illas de Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada, nas que existen 41 especies invasoras segundo o último estudo do Ministerio de Medio Ambiente, o conservador asegura que é unha situación complicada, pero non é perigosa porque está controlada e hai consciencia do problema existente.
Preocúpanos a presenza de estas especies alóctonas, pero o prazo de erradicación é de quince anos, explica o director, quen destaca varios plans contra a expansión de plantas ou animais invasores, coma o eucalipto, a acacia ou o visón americano. Nembargantes, o informe do Ministerio sinala que só se están a tomar medidas contra sete das 41 especies que veñen de fóra.
Fernández Bouzas afirma que, na actualidade, a dirección do parque traballa na realización de varios estudos ambientais con empresas e universidades galegas. Ademais, responde a a algunha das denuncias verquidas neste xornal polos representantes de Adega e Verdegaia. O parque sempre estivo aberto aos grupos ecoloxistas e baixo ningun concepto pode dicirse que estea abandonado, asevera o director.
As obras que se fixeron tiñan permisos de todo o mundo. Un veciño cambiou a cuberta de pizarra da casa por outra de tella, puxo unha depuradora e descubriu unha antiga canle de pedra de Ons, pero tiñamos a aprobación de Medio Ambiente e da Comisión Mixta, xustifica. A pesar disto, as actuacións que se levan a cabo no parque non están axustadas aínda a unhas normas. Tampouco pasan polo que debera ser o principal órgano supervisor das actividades do parque, o Padroado, que nin sequera está constituído.