Tesouros que dormen baixo o mar de Vigo

Cultura ten catalogados 20 pecios.
Xornal.com - clásica 18/12/2008 - 00:03 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Ivan Riobó XORNAL.COM I Vigo.- Moita literatura rodea os tesouros somerxidos da Ría de Vigo. Obras como 20.000 leguas de viaxe submariño, de Jules Verne, ou Os galeóns de Vigo, de Hippolyte Magen, afondan no que para moitos non é máis que unha fermosa lenda: a que fala da existencia de fantásticos tesouros agochados baixo as tranquilas augas do mar que baña as costas da cidade olívica. Ouro, prata, perlas, esmeraldas, zafiros ou diamantes colleitados ao longo de séculos polas civilizacións inca e azteca que remataron en mans de corsarios ingleses, holandeses e franceses ou nas profundidades da Ría de Vigo a causa da coñecida Batalla de Rande.
Sexa como for, o certo é que o mito ou a realidade puxo os fondos mariños vigueses no punto de mira de exploradores e cazatesouros estranxeiros. Algúns non dubidaron en achegarse até Galicia para tentar facerse con parte do botín. Madeira, moedas ou cerámica foron algúns dos bens que conseguiron rescatar, alentados a maior parte deles por motivacións económicas.

Pero baixo o mar que cantara Martin Codax dormen un sono de séculos outros moitos tesouros: a Consellería de Cultura catalogou un total de 22 puntos de interese arqueolóxico, precisamente co afán de protexer e conservar os restos neles localizados. Destes, alomenos 15 correspóndense con barcos afundidos, aos que habería que sumar os 5 pecios cuxa existencia xa se coñecía.

O departamento autonómico está a desenvolver un ambicioso plan de arqueoloxía subacuática que culminará coa construción do Centro de Arqueoloxía Subacuática nunha parcela anexa ao Museo do Mar de Vigo. O proxecto atópase en fase de redacción polo arquitecto César Portela.
Está pensado para coordinar todos os traballos relacionados con este tipo de arqueoloxía e, ademais de acoller algúns dos achádegos máis significativos, contará con laboratorios especializados na restauración e conservación dos materiais procedentes do medio acuático. Un dos símbolos do centro será sen dúbida o ungüentario bizantino atopado na zona do areal hai anos e que na actualidade pode visitarse na sección de arqueoloxía subacuática do museo vigués.

Museo da batalla de Rande

Os traballos levados a cabo pola Consellería de Cultura en Vigo centráronse na área do estreito e a enseada de Rande, onde en 1702 se librou a famosa batalla naval entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa. Un equipo dirixido polo arqueólogo Javier Luaces realizou dúas campañas promovidas polo departamento que dirixe Ánxela Bugallo, en 2007 e 2008. O primeiro ano localizáronse na zona de Rande 11 puntos de interese arqueolóxico, dos cales 8 se corresponden con posibles pecios. As sondaxes deste ano deron con outros 11 puntos de interese, entre eles 7 pertencentes a posibles barcos afundidos.

O resultado total das dúas campañas arroxa a cifra de 22 puntos de interese arqueolóxico, dos cales 15 se corresponden con pecios. Sumados aos 5 achados dos que xa se tiña coñecemento, elévanse a 20 os pecios localizados na zona de Rande e San Simón. Os restos dos navíos, tal e como recolle o estudo da Xunta, atópanse a profundidades que oscilan entre os dous e os 30 metros. Nos traballos desenvolvidos en xullo deste ano empregouse un sónar de varrido lateral, un magnetómetro e un penetrador de lodos cos que se obtiveron preto de 70 quilómetros de rexistro de sónar. A zona de estudo concentrouse nesta ocasión na enseada de San Simón.

Entre outros pecios, localizouse un de 26 metros de eslora e 8 de manga a uns 12 metros de profundidade e cuxos restos sobresaen entre un e dous metros do fondo. Outro dos barcos rexistrados é O Lastre, tamén denominado Soutelo ou Palo Portela, do que xa se coñecía a súa existencia. Ten 18 metros de eslora e 10 de manga e sobresae do fondo algo máis dun metro.
A bo seguro serían as estrelas do Museo da Batalla de Rande que reivindican os empresarios da provincia e que podería ubicarse na antiga fábrica do Alemán de Redondela.
Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad