XORNAL.COM I Santiago.- Coa máxima cualificación, sobresaliente cum laude, o profesor Miguel Barros presentou na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago o seu traballo sobre o pensamento de Piñeiro e a súa contribución política á construcción da autonomía galega dende o galeguismo.
Presidiu o tribunal o profesor
Ramón Villares, coa participación dos profesores Miguel Caminal, da Universidade de Barcelona, Arximiro Rojo, da Universidade de Vigo, Luis García Soto e Xosé Luis Barreiro Rivas, estes últimos da Universidade de Santiago.
Rodeado de numerosos amigos, estudosos e interesados na obra de Ramón Piñeiro. O profesor Miguel Barros presentou o pensamento de Ramón Piñeiro enmarcado no proceso político do galeguismo que se reconfigura despois de 1945, logo das experiencias traumáticas da guerra civil española e a Segunda Guerra Mundial. Un estudo de arredor de mil páxinas, baixo a dirección do catedrático Ramón Maiz, que recupera textos, documentos inéditos e publicados do autor de Láncara, cos que pretendo situar a obra do filósofo no contorno na construcción da resistencia galeguista, deitando unha nova ollada sobre o nacionalismo despois da experiencia da Segunda República.
Dalgunha maneira se inaugura deste xeito o Ano Ramón Piñeiro, pois a Real Academia Galega dedica á súa persoa o Día das Letras Galegas 2009. Miguel Barros falou de revisionismo nacionalista para concretar as teses do autor, un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950. A editorial Galaxia, en palabras do novo doctor, foi unha estratexia intelixente e posible, meditada e eficacísima para resistir e planificar o futuro dunha Galicia nova, dona de seu, moderna.
Houbo matizacións e observacións atinadas que, sen dúbida, anuncian o debate que nos próximos meses deberá formalizarse arredor da significación da obra e a personalidade Ramón Piñeiro, a quen Miguel Barros considera o principal motor dunha nova lectura do galeguismo e da política galeguista, símbolo de toda unha xeración: as Mocidades Galeguistas, que asumiron a iniciativa da identidade do país despois da guerra civil.
Nos próximos meses. Editorial Galaxia publicará na súa colección Ensaio a obra de Miguel Barros, que se presentou co título provisional de Ramón Piñeiro, o Partido Galeguista e o revisionismo nacionalista.