Un ano despois da chuvia de millóns en Carballo

Os carballeses afrontan hoxe a Lotería de Nadal coa mesma ilusión que o ano pasado, cando o Gordo deixou 45 millóns de euros na vila coruñesa
Xornal.com - clásica Actualizado 21/12/2008 - 23:58 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s
Daniel Prieto XORNAL.COM I A Coruña.- “Desta vota merquei 46 décimos; non hai lei para isto. Se me volve a tocar a lotería non sei o que faría”, afirma Xosé Puga Barca, coñecido en toda a comarca de Bergantiños como Puga, o das chaves, un cerralleiro retirado que, o pasado 22 de decembro, gañou case un millón de euros na Lotería de Nadal. “Repartín entre a familia algúns cartos e dinlle 10.000 euros a cada fillo”, asegura. Como el, moitos carballeses seguen agardando que a sorte volva a facer parada na capital comarcal.

Hai un ano, o Gordo de Nadal deixou 45 millóns de euros na localidade coruñesa de Carballo, repartido entre numerosos veciños que adquiriron os seus décimos na administración número 3. Moitos clientes do bar Arco I ris, na rúa Alfredo Brañas, onde José Puga acode todos os días a tomar un viño, foron agraciados. Algúns volveron mercar no mesmo lugar, confiando en que a fortuna volva. O establecemento, convertido nun fetiche local, loce orgulloso un cartel de “Primeiro premio” do sorteo pasado.

Os veciños de Carballo continúan agardando o día de hoxe con expectación. José Puga non dubidou en facer acopio de décimos: “Esta vez téñoos de todas partes: Barcelona, A Coruña, Sevilla, Madrid e de moitos máis sitios… e tamén doutros lugares de Galicia”. A sorte cambioulle bastante a vida a este home de 73 anos. “Teño dous edificios con 14 pisos e moitas fincas; merquei un coche e dividín os cartos entre varias contas polos bancos”, indica.

A muller deixouno
Pero non todo é como parece. Tras resultar gañador, Puga distanciouse da súa muller e dun dos seus fillos, paradoxalmente. “Os cartos non dan a felicidade, estou peor do que estaba; a muller deixoume por culpa dun fillo, por asuntos de coches. Non fago vida con ela e tiven moitos problemas”, asevera. E por se fora pouco, José síntese “con máis medo que nunca” ante posibles roubos. “Agora hai moitos parados e a cousa está moi mal; non sei o que vou facer da miña vida”, reitera.
José Puga emigrou de xoven a Suíza, onde traballou durante 12 anos como soldador. “Aniquei moito o lombo nesta vida; estiven soldando día e noite e logo levei a dez persoas para alá”, di. Tras regresar a Galicia e traballar como chófer de trolebuses, montou una cerrallería na rúa Vázquez de Parga, que rexentou durante máis de 25 anos.
Aínda que a súa conta corrente reborde cartos, Puga fai unha vida normal. “Veño todos os días ao bar a tomar un viño, teño coellos e varias fincas e ás veces fago algunha chave. E podo abrir calquera porta ou coche cun plástico”, afirma este namorado do seu oficio.
O afortunado cerralleiro non dubidou en deixarlle cartos aos que llos pediron, pero en moitos casos non o deu recuperado. “Presteille a media ducia de persoas e ao final non mo devolvía ninguén. E hai quen aínda me quedou a deber 6.000 euros. Habería que ser doutra forma. Antes a xente tiña palabra. Pero agora eu xa paso de todo”, conclúe.
Ademais de Puga, o das chaves, moitos outros clientes do bar Arco Iris resultaron premiados na anterior edición da Lotería. Como Antonio Pombo, que gañou 300.000 euros e mercou un chalé, unha das súas maiores ilusións.

Noutros casos, os agraciados decidiron investir no seu traballo, como Jesús, que gañou a mesma cantidade e optou por cambiar a vella furgoneta coa que traballa de repartidor por unha máis nova, despois de compartir parte do premio coa familia. “Se me volvese tocar seguiría igual, pero coa conta corrente máis grosa”, afirma entre risos. “Este ano teño moitos máis décimos”, di.

Soños
Pero non todo foi ledicia entre os clientes do bar. Sara Fernández, a camareira que denunciou o roubo do seu décimo, quedou sen os cartos. Xa non traballa alí
Mari Carmen Hermida, outra clienta habitual, decidiu non mercar un décimo o ano pasado despois de pensalo. “Cando souben que tocara o Gordo no bar derramei un montón de bágoas ao chegar a casa”, afirma. Para curarse en saúde, nesta ocasión decidiu mercar “un billete co número sete, porque dá moita sorte”. Os soños e os sentimentos máis fraternais agroman cando se trata de cavilar no que irían destinados os cartos. “Se me tocase o premio, axudaría ao meu fillo”, engade Maricarmen emocionada.
María do Mar Espasandín, unha betanceira que traballa no local, tampouco é dos afortunados. “Este ano si que fun precavida e collín lotería, por si se volve a repetir a milagre e cae outra vez por aquí. Se me toca, eu mercaba unha casa pola zona da Coruña”, aventura.
Á espera de que iso se produza, a rapaza bromea con Xosé Puga, impasible no mostrador: “A ver, avó, veña aquí que nos facemos unha fotiño os dous xuntos. Pero mire para a cámara, ho!”.
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad