Sergio Barbeira XORNAL.COM I A Coruña.- O sector público converterase tras a resolución do concurso eólico nun dos actores clave no sector enerxético galego e español. Segundo as estimacións elaboradas por
Xornal de Galicia, a
Xunta quedaríase co 12% da potencia instalada a adxudicar, polo que lle correspondería 279 megavatios dun total de 2.325. A facturación anual aproximada roldaría os 78 millóns de euros. Actualmente, no sector eólico a
Xunta participa no capital de empresas que posúen parque eólicos e cuxa potencia instalada global é de 239 megavatios. Tanto directa como indirectamente, a Administración galega controlaría preto da quinta parte da potencia eólica instalada na comunidade, que se cifra en 3.000 megavatios.
As participadas
A
Xunta de Galicia ten na actualidade unha presenza significativa en empresas estratéxicas para o sector enerxético galego. Aparte da súa participación na eólica, o Goberno autonómico é accionista maioritario da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), na que conta cun 51% do capital. O resto está en mans de
Unión Fenosa. Sogama é a empresa encargada de xestionar os residuos de 280 concellos cunha poboación total superior aos 2,2 millóns de persoas. Concretamente, o ano pasado tratou o 80% do lixo de Galicia e máis de medio millón de toneladas de residuos urbanos. A facturación ascendeu a 80,1 millóns de euros, dos cales 30 millóns corresponderon a ingresos procedentes da venda de enerxía.
Reganosa é unha compañía privada que recibe, almacena e transforma gas natural licuado a través da súa terminal de Mugardos, preto da cidade de Ferrol. A
Xunta controla o 10% do accionariado da sociedade que, despois de tres ampliacións de capital, ascende a 34,4 millóns de euros. En Reganosa tamén están presentes outras compañías galegas relevantes, como son Grupo Tojeiro (do propietario de Gadisa),
Caixa Galicia,
Banco Pastor e
Caixanova. Da actividade desta planta depende directamente o suministro das centrais eléctricas de ciclo combinado que as empresas
Endesa e
Unión Fenosa teñen nas Pontes e en Arteixo, respectivamente. Só para a central de As Pontes a regasificadora de Mugardos transportará anualmente 800 millóns de metros cúbicos de gas.
A planta de Reganosa comenzou a funcionar en maio de 2007. En pleno rendemento, aporta cada ano 3.600 millóns de metros cúbicos de gas natural. As plantas de ciclo combinado de
Endesa nas Pontes e de
Unión Fenosa no polígono de Sabón, en Arteixo, garantizan o consumo anual de toda a capacidade inicial destinada para elas.
A
Xunta de Galicia tamén é accionista de referencia de Gas Galicia, na que participa co 21% do capital. A empresa constituíuse en xullo de 1992, no marco dos acordos entre o Ministerio de Industria, a
Xunta e o Grupo
Gas Natural, para abordar a gasificación da comunidade. A principal actividade de Gas Galicia é a distribución de gas natural, un servizo que ofrece a case medio centenar de concellos galegos, entre os que se atopan as cidades de Pontevedra, Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol e Ourense, así como as súas respectivas áreas metropolitanas. A compañía é o accionista maioritario de
Gas Natural A Coruña, empresa que creou exclusivamente para a gasificación do municipio coruñés.
Ao peche de 2007, Gas Galicia distribuía gas a máis de 152.000 puntos de suministro, entre clientes do mercado regulado e do mercado liberalizado, a través dunha rede de distribución de 1.613 kilómetros de lonxitude. Só
Gas Natural A Coruña xa chega a 37.000 puntos de suministro e opera na cidade herculina dende maio de 1998.
A través da súa sociedade de capital risco, Xesgalicia, a
Xunta tamén participa en numerosas empresas, entre as que se atopa Sotavento Galicia. Trátase dun paque eólico experimental de 17,5 megavatios de potencia instalada que xera unha produción anual de 38.500 megavatios/hora.
Revertir en galicia
Galicia é unha comunidade exportadora neta de enerxía. En concreto, produce o 10% de toda a xeración enerxética española, polo que se converte nun gran atractivo para as principais empresas eléctricas.
O obxectivo da
Xunta é que en 2013 o 95% do consumo eléctrico se satisfaga con enerxías renovables e deste xeito reducir o consumo de combustible fósiles como o petróleo ou o carbón. Ao mesmo tempo, Galicia gaña en autonomía fronte ás posibles subas dos carburantes. Para garantir ese obxectivo é necesario que as decisións sobre os investimentos no sector enerxético se executen desde a perspectiva dos intereses galegos. A vía máis efectiva é que grupos privados con sede social na comunidade teñan un peso relevante no sector e que os seus beneficios revirtan en Galicia. De feito, hoxe en día na comunidade apenas se queda o 10% das ganancias xeradas pola eólica. Isto débese ao feito de que a maioría das sociedades con negocios no sector pagan os seus impostos fóra de Galicia, principalmente en Madrid, País Vasco e Cataluña. AXunta quere asegurarse dun maior beneficio para a comunidade e a súa presencia no capital de importantes sociedades enerxéticas que operan dentro do territorio galego é clave.
Na actualidade, os grandes grupos enerxéticos presentes en Galicia pero con sede noutras comunidades manteñen unha potencia eólica similar entre eles.
Iberdrola ten a titularidade de máis de 610 megavatios eólicos que xeran anualmente en torno aos 1.400 xigavatios/hora. Pouco menos controla
Unión Fenosa en alianza coa multinacional italiana Enel, cunha potencia de pouco máis de 600 megavatios en enerxías renovables. A empresa presidida por Pedro López espera incrementar a súa cuota de renovables en Galicia do 11 ao 20% despois do concurso.
Endesa mantén na comunidades en torno aos 500 megavatios, aos que hai que sumar aos máis de 2.000 da central de As Pontes (incluida a central de ciclo combinado) e a súa participación do 21% en Reganosa. Coa resolución do concurso eólico, a administración galega superaría a
Endesa se se teñen en conta os parques que controla directa e indirectamente, que rondan os 520 megavatios de potencia instalada.